Minero-medicinal

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

Pozas minero medicinales en el entorno del río Miño
Pozas minero medicinales en el entorno del río Miño Santi M. Amil

Anxo Luxilde escribiu que nos peores momentos da súa depresión collía o tren cara Ourense; eran os baños nas nosas augas minero-medicinais os que lle daban un pouco de acougo, unha liberación, unha saída ao patio no seu campo de concentración. Hoxe xa case non hai onde dar un baño polo desleixo absoluto cara os mananciais na capital termal de Galiza. No documento da Xunta de Galicia do ano 2017 «Prevalencia dos trastornos mentais en Galiza», podemos extraer un apunte: xa entón, por enriba da media estatal, as galegas e os galegos con cadros de depresión estaban sen recoñecer e sen tratamento. Falamos de porcentaxes de máis dun 40 %.

A frase coa que se pechan as consideracións finais é «[…] son necesarios esforzos de planificación para destinar máis recursos en saúde mental así como ampliar a capacitación dos profesionais de atención primaria para que identifiquen e manexen mellor os trastornos depresivos e en xeral o resto de trastornos mentais».

Dende o 2017 ate agora, e máis nos tempos de pandemia, onde os indicadores detectaron un empeoramento da saúde mental a uns niveis alarmantes, o abandono por parte da administración da atención primaria é palmario, sendo substituída por un teléfono da esperanza. Enfiando os dous argumentos, podemos pensar que moitos usuarios das nosas augas termais encontraran a paz necesaria nelas sen estar sequera diagnosticados: ir ás augas como remedio calmo e válido para deixar aos comanches que dan voltas no maxín. Un hotel de cinco estrelas con poza de baño na habitación non vai mellorar a saúde mental das nosas veciñas. Poñéndoo en escala, o Goberno de España pensa investir a maiores 100 millóns de euros en saúde mental, mentres a Deputación de Ourense 14 millóns de euros en acondicionar o pazo provincial en balneario. Vai gastar 22 veces máis en tabiques que en recoñecer e tratar as doenzas mentais, primeira causa de discapacidade e de alta prevalencia na provincia. Ir as augas só para a elite.

Co seria que é a saúde, diagnosticar a quen nos manda nesta provincia sería unha falta de respecto ás profesionais que tratan de que levemos unha vida plena, máis parece que nos goberna unha cuadrilla letal. A veciñanza vivimos na sombra na que non se distingue realidade de ilusión, permanecemos nunhas augas emponzoñadas que algúns din minero-medicinais, máis son narcóticas e aditivas como a lagoa Estixia.