Empeza o curso. Os escolares estrean mochilas, lapiseiros, zapatillas de marca e, ademais, fermosas máscaras acompasadas co vestido e ca maneira de ser de cada quen. Os portátiles, á hora de presumir diante dos compañeiros e compañeiras, ademais de mostralos, servirán para enviar mensaxes, para citas nas quedadas, para gravacións e vídeos do máis variado e tamén para as trasnadas máis soadas. Volver ao noso colexio, o encontro cos compañeiros e cas compañeiras, o comedor, as aulas, os polideportivos. Todos sentimos o formigón do inicio do curso: fomos alumnos, fomos mestres, fomos profesores, fomos pais e nais, somos avós e avoas, e actividade escolar marcounos e márcanos sempre.
E ti, ¿que vas ser? ¿Que ides ser de maiores? Cando eu era ensinante preocupábame o futuro vocacional dos meus alumnos e dicíalles que o mellor para eles sería sempre enfocar o futuro como unha resposta de servizo as necesidades da sociedade. Púñalles un exemplo: «¿como ides a ser bos mecánicos se non hai coches que arranxar na sociedade na que vivimos? Para ter éxito no mundo laboral haberá que buscar aquel servizo que a xente está a agardar con máis urxencia». A pandemia do covid-19 é un exemplo claro dos servizos más urxentes no noso mundo e de como moitas persoas consagraron as súas vidas comprometéndose na solución dos problemas médicos.
Eu sabía que para eles o importante era gañar cartos, pasalo ben e realizar os ideais que, dende a súa infancia e adolescencia, estaban a soñar. Case todos tiñan vocacións de funcionarios; é dicir, gañar unhas oposicións e a vivir... Naquel entón falarlle da Formación Profesional non era cousa doada. Querían, os que podían conseguilo, ir á universidade: conseguir licenciaturas para acceder ao profesorado, chegar a ser enxeñeiros ou enxeñeiras, ser médicos, farmacéuticos, avogados... Pero, pouco a pouco, foron cambiando os obxectivos do mundo estudantil, por ter cambiado tamén as urxencias do mundo do traballo. A Formación Profesional agora empeza a tomar corpo como futuro máis inmediato e de pronta colocación no mundo laboral.
Os meus alumnos, meténdose con migo, dicíanme: «Non hai oficio coma o dos curas; sempre teñen traballo”. Eu respondíalles: «Porque os curas sempre enfocaron ven o seu proxecto vocacional: onde máis me necesiten, alí teño que ir eu».
E, por certo, si hai algún mozo ou moza desconcertado ante o futuro, teño que dicirlles que, hoxe por hoxe, de curas, de catequistas, de misioneiros ou misioneiras, sempre terán traballo. E ben pago, ao menos na paz e no sosego interior.