Muller común

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

LOLITA VÁZQUEZ

A semana pasada falábao cunha compañeira. Non puido acompañar á nena no primeiro día da volta ao cole, que lle gustaría ter podido ir, pero conciliar e traballar son dúas palabras que non casan. Onte vendo unha serie fixeime que a nova protagonista (policía) está tendo problemas coa familia porque o traballo a absorbe moito. O protagonista (home, policía tamén) que ten unha filla, nunca tivo tal problema. Nin un reproche en cinco temporadas. A ela todas, e leva media. Xa case se pode adiviñar incluso divorcio. Por suposto! Como vai querer medrar no choio e ter unha vida familiar feliz? É o peso que sigue sobre nós. Nós as mulleres. O facernos sentir culpables por non chegar a todo, o de ter que ser nais perfectas, parellas perfectas, mulleres coquetas (onde vas con esas canas!) e traballadoras con ambición. Todo ao tempo que acompañas a túa nai ao médico cando ten unha consulta complicada, sacas tempo para ver ás amigas e tomar un viño tranquilamente e un par de veces por semana (cando non máis) vas ao ximnasio. Ah, e estás acabando o terceiro libro que les este mes. Admiración absoluta para quen consiga facelo todo, e facelo todo xenial. Eu son das do bando das que sobrevivimos como podemos, das que renunciamos a cousas (aínda que non queiramos), das que hai días que sentimos que non nos dá a vida... Quedo coa frase que lle dixo unha amiga a outra fai unhas semanas, cando a segunda estaba preocupada por se non era boa nai: «Es mala nai, coma todas. Non te fatigues». Rin. E ten razón. Hai que dar as costas aos patróns impostos que nada aportan. A vida imperfecta tamén pode ser feliz.