Para ler no verán

José Pérez Domínguez NO ATRIO

OURENSE

08 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesta ocasión presento a consideración dos meus lectores o libro Una biblioteca en el oasis de Juan Manuel de Prada. Trátase de un ramallo de escritores, entrecollidos no pasado século XX, que debidamente seleccionados, métennos de cheo nos problemas que os científicos, os pensadores e os teólogos reflicten, descubríndonos o seu influxo na economía, na filosofía e tamén nas correntes teolóxicas e relixiosas da nosa sociedade. Entre eles, destacan Robert Hugh Benson; Leon Bloy; Leonardo Castellani; Gilbert Keith Chesterton; Clive Staples Lewis; John Henry Newman; Gustave Thibon. En total son uns 60 escritos, que apareceron durante catro anos na edición española da revista Magnificat e un deles no xornal da Santa Sé, L´Osservatore Romano. É un libro que paga a pena e, ademais, por estarmos no verán, moi fácil de ler, pois ten a vantaxe de que se poden escoller os autores que mellor lle conveñan segundo o criterio de cada quen, xa que non hai un fío condutor na redacción, so unha orde cronolóxica de aparición na revista Magnificat. Una biblioteca en el oasis serve para dar a coñecer obras de autores non sempre coñecidas, que nos axudan a iniciar unha lectura intelixente de cada un deles sempre no marco da calidade literaria e da temática escollida: alimentar a fe a través da discusión de contidos e situacións diversas que afectan a vida do crente.

Juan Manuel de Prada naceu en Baracaldo no 1970, aínda que pasou a súa infancia e adolescencia en Zamora. Ten un amplo abano de obras publicadas, premiado en múltiples ocasións, recibiu o Premio Planeta no ano 1997 co seu libro La tempestad, traducida a máis de vinte linguas. Entre as últimas novelas destacan Mirlo Blanco, Lucía pola noite, Cartas do sobriño ao seu demo, que é unha conmovedora crónica satírica da crise política, social, económica e relixiosa, desatada pola peste do coronavirus. E, como di o autor, «querido amigo, despois de visitar esta biblioteca no oasis, queira Deus que te decidas a ler os libros que aquí se recomendan».