Non hai pediatras. Non hai enfermeiras. Non hai médicos de atención primaria. Non hai. Cada vez con máis frecuencia escoitamos iso de que non hai profesionais sanitarios para cubrir determinados postos e parece que iso serve para deixar servizos sen cubrir. E pode ser que non haxa. Pero a quen lle pagan por xestionar a sanidade pública entendo que tamén lle pagan por organizala. E non falo só do xerente dunha área sanitaria, que tamén; do conselleiro, que tamén; ou da ministra, que tamén. Non falo de ninguén en particular, e falo de todos. Entendo que se de verdade apostamos pola sanidade pública (eu de certo que si), hai que prever que en tantos anos haberá tantas xubilacións, e entón haberá que formar a máis persoal suficiente para que, cando iso pase, non supoña unha perda de persoal (e de servizos). E dáme igual que haxa transferencia de competencias ou non. Iso como cidadá, usuaria e firme defensora da sanidade pública, tanto me ten. Porque aínda que sexan xente disinta, deberían poder falar. E organizar. E prever. E reforzar a sanidade pública. E tampouco me serve o argumento (podre e pobre) de que os sanitarios se forman na educación pública aquí e despois marchan traballar a outros países. Haberá quen queira facelo, e ben feito está, pero estou certa de que moitos preferirían quedar se puideran. Outra cousa é que se quedan o que lles ofrezas sexan contratos por días para non pagarlle os descansos das fins de semana. Eu non falo de darlles prebendas por ser persoal esencial. Falo de racionalizar, que non recortar; falo de xestionar, falo de planificar. Falo de apostar de verdade pola sanidade pública.