Miguel Robledo: «Veño do cómic pero no libro a narrativa está por riba do grafismo»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O ilustrador Miguel Robledo, no coworkin Ben Común Espazo de Allariz
O ilustrador Miguel Robledo, no coworkin Ben Común Espazo de Allariz Santi M. Amil

Ilustrou Frankenstein, relatos do xaponés Miyazawa e prepara a edición de «Heidi»

07 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As ilustracións de Miguel Robledo van desde os tons escuros aos luminosos, pero tanto na cor como no trazo dos debuxos, as creacións deste ourensán desprenden sensibilidade. Agora, entre outros traballos, anda metido nas probas para o próximo libro da colección de Clásicos Ilustrados que editará Aira Editorial co apoio do mecenado cultural. Trátase de «Heidi», de Johanna Spyri, que xa na cuberta deixa ver un elemento que singulariza a edición: a nena protagonista, diante dun somier ao pé dunha montaña dos Alpes. «Houbo un debate sobre se o somier como porta dunha finca é feismo ou sinal de identidade e de reciclaxe», revela o ilustrador sobre este detalle, cuxo enfoque inda non está decidido.

É un exemplo do traballo detallado e de repensar que hai detrás de cada ilustración e de cada proxecto. «Os da miña quinta temos a imaxe da serie», recoñece Robledo, de 50 anos. Coller o ton que debe ter a obra debe ser algo que se faga «canto antes», di o ilustrador. «As obras nunca se rematan pero hai que entregalas», asume. A publicación de Heidi está prevista para o Nadal de 2021 e o seu traballo ten que estar rematado despois do verán. Agora anda a voltas co avó da protagonista.

Parte da posible cuberta para  Heidi
Parte da posible cuberta para Heidi miguel robledo

Máis icónico aínda é o clásico de Mary Shelley, «Frankenstein ou o Prometeo moderno». Robledo sinala que antes de debuxalo debeu de ler o libro catro veces e ver moitas das películas. «O Frankenstein debe ser o personaxe máis versionado da literatura, pero cando te metes na historia encontras o teu punto. A pepita de ouro é que atopei escenas que non estaban representadas noutras ilustracións ou películas e tirei de aí. Temos a imaxe típica da película, en branco e negro. No libro o monstro é alguén de 2,20 metros que se move moi rápido e na película camiña como un robot», explica sobre como abordou este traballo de hai dous anos.

Ilustración para  Frankenstein, o Prometeo moderno
Ilustración para Frankenstein, o Prometeo moderno miguel robledo

 No 2020 viu a luz «Unha noite no tren da Vía Láctea», de Kenji Miyazawa, coa tradución do xaponés ao galego de Gabriel Álvarez. Considerado como «O Principiño» xaponés, é un libro de relatos de principios do século XX que tamén tivo moitas adaptacións ao cómic e ao cine. «Neste tirei do folclore xaponés, é máis colorido, é un libro moi luminoso, non escuro como Frankenstein», descrebe Robledo. O ilustrador ourensán, que vén do mundo do cómic e da animación, sostén que nun libro os debuxos han de estar ao servizo dunha historia. «As ilustracións teñen que estar en orde para contar a historia e a narrativa, por riba do grafismo», defende.

Ilustración de  Unha noite no tren da Vía Láctea
Ilustración de Unha noite no tren da Vía Láctea miguel robledo

 Miguel Robledo, que durante anos traballou de forma independente, está agora contratado pola libraría ourensá Punto e Coma (rúa da Paz) e físicamente desenvolve a súa xornada no espazo de coworking Ben Común, de Allariz, onde convive -agora menos polas restriccións da pandemia- con profesionais de distintos ámbitos e procedencias xeográficas.

Con Punto e Coma ten a oportunidade de levar a cabo outro tipo de traballos gráficos. Fixeron as campañas Vive Allariz, Vive Ourense e tivo moito éxito a de Rosalía pioneira, con deseños en distintos soportes, láminas ou murais. «Eu abúrrome enseguida e aquí teño sorte, traballo case como nun estudo de publicidade, porque saben que teño varios estilos e me permiten variar. Gústame cambiar de rexistro e non aburrirme», revela. Entre os guións para o álbum do cómic de As Aventuras de Mariña e encargos varios, do Gaiás e doutros puntos de Galicia, Miguel Robledo pode espallar a súa creatividade.

 «Todo o que fago é con ordenador per procuro non perder o papel e lapis»

O ordenador é a ferramenta de traballo de Miguel Robledo no seu espazo do coworking Ben Común. «Eu non son nativo dixital, pero todo o que fago é con ordenador ou tableta. Imito o que facía con acuarela e papel pero co ordenador é máis rápido, inmediato. Procuro non perder o papel e o lapis e facer algo a diario, só que o ritmo de traballo ás veces non o permite», explica sobre as súas técnicas. A creación é «un proceso orgánico», combinado co oficio de aprender a coller o estilo que pide cada traballo canto antes para saber o que funciona e o que non, apunta.

Na súa formación, comezou artes aplicadas e Belas Artes. Deixou ambas disciplinas. «Son un cu inquieto», comenta. Di que lle gustaría telas rematado, non tanto polo título, que «non estorba» -inda que neste campo é máis importante o currículo ou portfolio- senón por ter ampliado a súa aprendizaxe. Tamén lle fai un oco a faceta docente, pois da un curso de cor na escola Antón Faílde e é un dos organizadores do festival da ilustración Allariz Debuxado, que reúne a profesionais con alumnos das escolas galegas.

Quen é

Miguel Robledo. É un ilustrador de Ourense que traballa para a libraría Punto e Coma e Aira Editorial.

  

Traballos. Fixo ilustracións dos clásicos «Frankenstein, o Prometeo moderno», de Mary Shelley e de «Unha noite no tren da Vía Láctea», de Kenji Miyazawa. Agora está preparando a de «Heidi», labor que combina cos encargos de láminas, murais e outras pezas nos que o debuxo acompaña textos en galego.