Celebrámolo?

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

02 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces na vida hai que arriscar para conseguir algo. Ás veces hai que tirarse á piscina na que unha cre ver auga, aínda que poida ser un reflexo do sol e a situación acabe en fracaso. Ás veces hai que apostar polo que unha quere. Pode saír mal, pero tamén pode saír ben. E canto presta cando as cousas saen mellor que ben! Un pouco de valentía e un chisco de inconsciencia para dar un xiro na vida, para apostar polo que tiña que ter sido xa antes, pero que finalmente foi. Quedar co bo. E gozalo a diario. E celebralo. Porque a vida hai que celebrala. A cotío. Con quen queres. Máis alá dunha pandemia que o ten mudado todo desde fai máis dun ano, de estar ata arriba de choio ou de andar ás présas porque as horas do día fanse poucas para todo o que unha quere facer. A vida ás veces ponse de cara, e daquela hai que mirala aos ollos e gozala cun sorriso, co mellor dos sorrisos. Xa virán tempos peores (porque hai que ser conscientes de que virán), pero a idea é que esas mal dadas te collan rodeada de quen paga a pena. Parecen un fato de obviedades, pero moitas veces deixámonos levar polo inmediato, polas présas do día a día e esquecemos saborear a vida e os pequenos praceres: ese godello nunha terraza mentres ti buscas o sol e eu procuro a sombra; ese baile na cociña sen música ao tempo que algo rico se fai no forno; esas ceas especiais un venres con brinde a tres incluído, aínda que sexan en pixama e co sono acumulado doutra semana a mil... Ás veces esquecemos gozar a felicidade, vaia. Pero moitos outros días non, e entón dicimos o de «haberá que celebralo, non?» que o cambiou todo. Infinito e para sempre.