Un conto!

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Non saber ler non impide gozar dos libros
Non saber ler non impide gozar dos libros LOLITA VÁZQUEZ

Na casa festexamos o Día de Rosalía, e sempre vén un libro e unha rosa branca. Non hai sorpresa, porque xa é case tradición, pero é sempre un agasallo bonito de recibir. E de dar. A pequecha aínda non entende de días sinalados, nin de datas especiais máis alá do aniversario e a oportunidade de soprar as velas; pero vive con emoción total sempre que hai un papel que romper e un agasallo que recibir. E unha das súas maiores alegrías é cando o que atopa é «un conto!». Así exclamaba esta mesma semana ilusionada ao recibir un almanaque no que aprenderá os días, os meses e as estacións, mentres xoga a imantar flores, animaliños e froitas nunha árbore ben feitiña. Xoguetes de aprender xogando. Os libros levan arredor dela incluso desde que estaba na barriga, e lle lía contos. ¿Que non os oía? De seguro que si. E se non, mal non lle facía. Si, hai frases que sempre xuraches non dicir e que repites sen cesar ao ser nai. Desde que naceu, os libros están sempre presentes. No colo da avoa reclama a historia de Carapuchiña para durmir a sesta; e pon cariña de boa cando pide outro conto, despois de rematar tres ou catro máis, á noitiña no sofá. Gústalle miralos, tocalos, incluso bañarse con eles. Aínda case non sabía pasar as follas e xa miraba alucinada para os debuxos e poñía cara de interesante pendente do que contabas. Pedindo máis. Son compañeiros de viaxe fantásticos, cos que divertirse, emocionarse ou aprender. Hoxe, o Día do Libro é a escusa perfecta para volver remexer nos estantes da libraría buscando un novo conto. Porque igual que non esperamos que un neno saiba falar para falarlle, non é preciso agardar a que saiba ler para lerlle.