«Quo Vadis?»

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

04 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

E ste latinismo, ¿a onde vas?, podemos aplicalo ao sector agroalimentario. Será pola profesión, ou pola curiosidade, que revisei folletos dos supermercados e atopei uns selos de produtos elaborados en Galiza, outros que facían medrar a economía de Galicia e inclusive algúns producidos en Galiza. Unhas luriñas patagónicas aportaban a súa décima ao PIB, pero nin uns bistés de porco nin os cachelos sumaban á nosa economía.

Cando estudaba, tiñamos os anuarios de estatística agraria, uns volumes que tiñamos que repasar para ter un contexto. Dende o 2009 non existen como tal, e intégranse na estatística xeral. En febreiro do 2020 tivo a Consellería a ben sacar unha revisión do período 2000-2017 da situación da industria agro-alimentaria galega. É preciso canto antes actualizar este informe conforme á nova situación xerada pola pandemia.

Este informe debaga por comarcas a contribución do sector agrario á economía. Na provincia de Ourense, no eixo Limia-Caldelas, máis do 25% da súa economía procede da agricultura primaria pero estas comarcas non teñen un subsector industrial desenvolvido. O cal nos leva a que as patacas que se recollen en Xinzo, non alimenten a economía como galegas. Tampouco a cantidade de xurro traía un punto de cartos nosas carteiras.

Estamos nun período de profunda transformación da Unión Europea. O maná en forma de fondos estruturais dos Next Generation abre liñas de financiamento que inclúen a protección á biodiversidade, a loita contra o cambio climático e unha nova PAC (Política Agraria Común), que deixa de ser neste período 21-27 a liña de maior inversión na UE. Precisamos dun acompañamento da consellería para esta nova era da agricultura e gandería, que por unha banda precisa de dixitalización para poder extraer datos e tomar decisións, e por outro, a venda. Eu marcaría como obxectivo 2027 que todas as agroalimentarias galegas teñan os selos (IFS/BRC/Global GAP), que abren a porta do gran consumo. Posdata: Nerón prende lume na Auria, e eu, covarde, fuxindo; no camiño algúns que cargan a súa cruz apretan o paso para ser de novo martirizados nela, polo que, volvemos.