Estar coa condicional

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

02 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na segunda temporada de For Life, o axente da condicional explícalle ao protagonista que non pode estar na rúa a partir das dez da noite. Nin para pasear o can. ¡Mira, temos o mesmo horario!, comentamos no sofá. Entre risas e con esa cara de incredulidade que nos queda sempre que falamos de todo ao que temos renunciado desde que comezou a pandemia. Cousas que nunca pensamos que estarían prohibidas, como saír de paseo de noite para ver as estrelas, é algo que apuntar na lista de cousas pendentes. E daquela chega un deses anuncios dalgún destino turístico ao que nalgún momento pensamos en ir. E xogamos a imaxinar como será volver viaxar, que país e que cidade elixiremos, como será volver pasear entre moreas de xente, parar a alguén para preguntarlle como chegar a un sitio sen ter que botarnos atrás para cumprir distancias ou facer unha fila para subir a un autobús ateigado. E entón recordamos que aínda temos pendente que a pequecha viaxe en bus urbano ou en tren ou en avión. Máis cousas para a lista. Ela, que xa ten interiorizado lembrarnos coller a máscara xunto coas chaves antes de saír da casa, ponse entón a bailar. Bailar na verbena, saltar nas colchonetas, subir ao tiovivo... Máis para a lista de pendentes. Unha lista longa na que está, sobre todo, celebrar. Celebralo todo. Que estamos ben e que estamos todos. Se agora non podemos xuntarnos para festexalo, xa chegará. Algún día acabará a liberdade condicional na que vivimos e entón tocará ir borrando cousas da lista de pendentes. O importante será non ter que ter borrado a ninguén da lista.