Nabody

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

24 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nabody foi rescatada dunha pateira, os pediatras intentaron salvarlle a vida, pero acabou falecendo. Non se chama Nabody. Nabody (que nun primeiro momento lin como Nobody, isto é, ninguén) está viva, pero lonxe de súa nai. Non hai un drama. Son dous. Dá igual (obviamente, para a nai non), que se chame Nabody ou que se chame Aylan. O drama é que hai nenos que morren. ¿Recordades a Aylan, aquel neno falecido na praia cuxa foto tanta controversia creou? Non porque morrera, non. A lea estaba en que desde o noso cómodo sofá do primeiro mundo non queríamos ver nenos mortos. ¡Home, que me estragas a tarde do domingo! Somos así de hipócritas. Porque desde Aylan no 2015 ata como queira que se chame a pobriña falecida nas Canarias, son milleiros os nenos falecidos no mar. Milleiros de nenos que se meten no mar de noite, a saber con quen, e a saber como, para intentar chegar a un país (e dá igual cal sexa o destino) que non os quere, no que non son benvidos e que en moitos casos os encaixará nun centro atestado de outros milleiros máis que tamén buscaban unha vida mellor. Milleiros de nenos para quen os seus pais, que os meten nesas balsas (arrepío só de pensar no terror que sentirán), entenden que intentalo é mellor que condenalos a morrer na súa terra. Oxalá nunca outra foto de Nabody, de Aylan ou de calquera outro neno morto. Oxalá nunca outra foto, non porque os fotoxornalistas non fagan o seu traballo e saquen imaxes incómodas, senón porque non haxa imaxe incómoda que sacar.

Pero nós sigamos preocupados por se esta Semana Santa podemos ir a Cantabria ou a Portugal...