Día do Seminario

José Pérez Domínguez NO ATRIO

OURENSE

14 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ovenres celébrase a festividade de San Xosé e nese mesmo día ou no domingo máis próximo, segundo sexa ou non festivo, celébrase o Día do Seminario. E, por ser ano santo de san Xosé, neste curso quérese ver reflectida nos sacerdotes a figura do custodio da Sagrada Familia. Por iso o lema é: «Pai e irmán, como San Xosé»; é dicir, os sacerdotes teñen que ser pais como pai foi san Xosé e irmáns como irmán foi san Xosé para con todos. Eu explicaba isto a miña maneira cando era delegado episcopal de vocacións. San Xosé foi o primeiro reitor do primeiro Seminario do cristianismo. É certo que só tiña unha vocación. O mozo que se preparaba para o sacerdocio chamábase Xesús de Nazaret, fillo de Deus e da Virxe María, verdadeiro Deus e verdadeiro home. E un só sacerdote, pontífice entre o ceo e maila terra, foi quen de salvar o mundo enteiro. ¡Que fácil ser formador de Seminarios con candidatos de esta valía! O obxectivo deste día é procurar que xermolen as vocacións sacerdotais a través da concienciación dirixida a toda a sociedade e, en particular, ás comunidades cristiás. A colecta económica deste día dedícase a apoiar aos seminarios co gallo de que cumpran o seu obxectivo fundamental: formar humana, intelectual, espiritual e pastoralmente aos futuros sacerdotes.

Hoxe podemos dicir que a Igrexa en España sofre a maior crise vocacional dos últimos tempos; apenas mil seminaristas. Si comparamos este curso co curso de principio de século, dámonos conta de que temos un terzo menos de vocacións. Pero o problema non está na cuestión de números, senón na calidade das chamadas. Con só un Sacerdote foi suficiente para salvar ao mundo enteiro! Contando coa axuda de Deus, que non poderemos acadar cos 150 que se están ordenando cada ano?

As vocacións ao sacerdocio, nos tempos que corren, non proceden so do Seminario Menor. Están entrando ao Seminario Maior mozos graduados nas universidades civís, moitos xa co seu traballo, e todos con ganas de vivir na Igrexa a ledicia do anuncio do Evanxeo. ¡Deus chama a quen quere, cando quere e como El quere!

Nesta xornada dedicada ao Seminario, ademais da axuda económica, pídesenos unha oración polos seminaristas que se preparan para ser sacerdotes e unha fervente súplica ao Señor para que mande operarios a súa herdanza.