Mulleres...

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

10 mar 2021 . Actualizado a las 18:09 h.

Saíron os antivacunas e negacionistas a manifestarse por Madrid en plena terceira ola dunha pandemia que eles din que non existe. Saíron -en moitas cidades, entre elas Ourense- os das escolas concertadas, sobre o argumento falso de que se van pechar colexios. O domingo os da Falange manifestábanse por Valladolid mentres os siareiros do Atlético de Madrid xuntábanse por centos para recibir ao equipo antes do derbi. Aglomeracións -en moitos casos sen medidas de seguridade- con argumentos moitos máis febles que os de pedir igualdade de dereitos; e aínda así, para eles todo ben. Pero hai manifestación feminista e daquela toleamos. Que vaia irresponsables, que estamos en pandemia, que se non terán nada máis que facer... Hai moito que facer si, pero para conseguir a igualdade. A pandemia fixo que a fenda que xa existía aínda sexa máis fonda. O 70 % dos parados son paradas. Mulleres. E canto traballamos, seguimos sendo minoría nos consellos de administración, na dirección das empresas, seguimos cobrando menos en moitos casos. Así que si, había que saír ás rúas. E hai que seguir facéndoo. Con pandemia e sen ela. Porque o coronavirus chegou hai un ano, pero o machismo leva aquí desde que o mundo é mundo. E xa vai sendo hora de mudar iso. Que temos mellorado moito? Pois claro, bastante loitaron as que viñeron antes para que poidamos facer cousas como abrir unha conta no banco, traballar no que nos guste (e cotizar por iso para ter unha xubilación e non depender de ninguén), sacar o carné de conducir ou votar. Pero aínda falta para chegar á meta. Queda moito 8M pendente e non imos parar.