Aló presidente

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

Aló presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico, aló presidente da Asociación das Cidades Históricas Termais da Europa (EHTTA), aló presidente escollido por unanimidade, antes chamado á búlgara, aló presidente.

Sempre se di que un non é profeta na súa terra, que o recoñecemento ven de fóra antes que dos seus, que as envexas son elevadas se un ten algunha que outra ambición, e non hai nada como ser o presidente, presidente, presidente. Por desgraza non temos, aínda, creada a presidencia vitalicia da Chavasqueira, que dende o 24 de abril do 2019, permanece pecha; xa non falemos dos aparcadoiros terráqueos para acceder ás termas de Outariz, nin das infraestruturas calcinadas das Pozas do Maimón, en Reza. Con estes pequenos asuntos domésticos é normal acadar as presidencias termais; un saber facer, unha pinga de auga que día a día vai furando na pedra de gran, fai camiño onde non se ve futuro. Do novo impulso que se quere dar con este Foro Termal do Eixo Atlántico, está o concepto de termalismo deportivo. Estou moi a favor do baño e da masaxe para recuperar dunha xornada de adestramento, inclusive sen suar gota. Ese movemento político derrocando ao alcalde de Castrelo; queda agora á vista de todos o obxectivo do control do río, Cenlle-Arnoia (cos hoteis-balnearios baixo da man), e Castrelo do Miño, como campo de regatas. Como non fun eu quen de darme conta daquela frase do mesmo Bruce Lee «sé auga, meu amigo». Agora virán as colaboracións público-privadas para sacar un rendemento económico, que non se verá na bisbarra, salvo unha ou dúas caixas de viño vendidas aos pais dos e das participantes nas carreiras. Este fío de auga xa trouxera tamén ao Kennedy, que caro nos costou, e pouco nos aportou. É momento de ter unha revisión estratéxica de a onde nos queren tornar o rego, porque asemella que o que fan é extraer do pozo e non deixan nada para crear unha riqueza sostible.

Non podo rematar este argumentario sen lembrar que mañá, 8M, é día de sindicalismo, combativo e de clase; é día, como todos os demais, de poñer as lentes dos coidados e mirar quen leva a carga. É día para recordar que non están todas, que faltan moitas e que non é non. Chegarán os días de pan e rosas.