Toleamos

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

03 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sairemos desta. Estou convencida. Pero nin mellores ni máis unidos. Igual máis borrachos. Moita sede había o venres, o sábado e o domingo, que atopar un oco nunha terraza converteuse case en tarefa imposible. Démonos aos bares como se nunca un tivéramos visto, ou se leváramos sen beber o mes que estiveron pechados. Abríronnos a porta e como se fóramos as pitas en busca do millo cando as sacan do galiñeiro... o caso era correr para coller mesa. E a gozar do soliño. Que na mesa do lado había xente e estaba moi cerca. ¡Que mais ten! Que estaba sen desinfectar. ¡Que máis ten! Que non se respectaban as distancias. ¡Que máis ten! O importante era que un estivera a gusto. O de pensar como sociedade, que estamos en pandemia, que isto non rematou... ¡Que mais ten! Iso xa queda para outros, para eses aburridos que pensan que o virus sigue circulando. Facía sol, había mesa libre, quedara cos colegas... Demasiados factores como para pensar que ese non é o xeito. Que o de parecer formigas de novo pola rúa dos viños de Ourense, a praza Maior de Xinzo ou o Malecón do Barco era o que tocaba. Que o verán está á volta da esquina e había que tomarlle algo. Que levábamos un mes sen vernos. E sen bebernos. Igual é casualidade... pero catro días despois de que nos abriran a porta e -unha vez máis- demostráramos que nos cremos en posesión da inmortalidade adolescente, na cidade xa hai un caso máis que o día anterior. ¡Que máis ten! Só é un. Oxalá sexa só un e non unha mostra de que, unha vez máis, imos no mal camiño. Porque desescalar é duro e lento... pero non quero nin pensar en ir cara atrás. ¡A min si que me ten, si!