Xa vai 1/3

OURENSE

Hoxe fai 7 días que entramos neste semiconfinamento que nos terá así outras dúas semanas máis. Espero que só sexan dúas semanas máis. E para entón poidamos comezar unha desescalada que nos leve a poder ver aos que queremos, e deixemos atrás as videochamadas como modo de manternos en contacto. Eu aínda non o asimilo como medio de comunicación, aínda que a pequecha veo con total naturalidade e é capaz de darlle unha caricia á avoa a través da pantalla; ou anima ao avó a xogar con ela como se estivera no salón con ela. É a maxia das novas xeracións, que aínda non falan pero xa saben desbloquear pantallas de móbiles. Eu aínda me marabillo con elas, e tamén valoro todo o que nos teñen dado. Porque moito nos temos acordado na casa estes días daquelas pais que marchaban traballar para Suíza e deixaban aquí aos fillos cos avós. Daquela, con sorte, unha chamada á semana, e unha foto de vez en cando. Hoxe, por fortuna, podemos vernos case a calquera hora, en calquera sitio. Onte a pequecha contáballe ao avó, mentres el facía unha parada no traballo na horta, o ben que o pasara na escola infantil; e despois, a avoa, a 200 quilómetros, escapaba da fritura do peixe para escoitar as respostas da pequecha coa súa lingua de trapo. E así imos librando os días. Xa van sete. Xa levamos un terzo do que nos piden. Xa queda menos para chegar aos 21. Sigamos quedando na casa. E os que aínda non entenderon o de que hai que pecharse... a estas alturas que multen a quen teñan que multar. Porque xa que non axudan a coidarnos, que axuden a soster o sistema con aportación extra. Por imbéciles.