O máis listo

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

30 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Alugamos unha casa, montamos unha festa e celebramos Fin de Ano como manda a tradición, todos xuntos, ben arrimados, bicando e abrazando ata a quen nos pon a feder porque a bobada do «Feliciano» pasa de xeración en xeración. E así ata o amencer. E xa de mañá, imos tomar os churros. E poñémonos en mesas separadas se vemos que somos moitos. ¡E a vivir! Ole por ti e as túas ideas. Que son bárbaras, de bárbaras de que pensas cos pés, porque se usaras a cabeza igual che daban os miolos para pensar que por un 31 que quedes na casa (pero na túa) non che vai pasar nada. Porque non. Por quedar unha noite en pantuflas e pixama non te vas volver verde, nin che van saír escamas. Quedar na casa un día como mañá, sen xogar a intentar ser máis listo que ninguén, demostrará que tes sentidiño. Certo que non é un día só, que levamos unha chea de meses con esta merda de pandemia e estamos todos fartos. Pero por iso mesmo. Por xogar a ser máis listos que ninguén, e seguir facendo xuntanzas e matanzas con máis xente que plumas ten un galo, os veciños de sete concellos están de novo coa mobilidade restrinxida. E esa medida non distingue entre os que o fixeron ben e os que o fixeron mal. Todos pechados. Estamos fartos, si, pero se seguimos xogando a ser os máis listos, isto aínda tardará máis en pasar. Porque está demostrado que o virus vainos por diante... que da festa do chalé con piscina en Valdeorras saíu un peche e varias hospitalizacións. Co bonito que sería recuperar o espírito de marzo, ese de aplaudir aos sanitarios e crer que todos a unha imos saír desta. Igual aínda se dá un milagre de Nadal e vennos o sentidiño. ¡Feliz 2021!