A tradicional cita ca escena de cada Nadal adáptase á pandemia e pretende ser un alivio para os nenos ourensáns
19 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.En tempos de pandemia e restricións, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (Moti) volve á programación co lema «arte para respirar». O certame, que celebra este ano a súa 17 edición, traerá este Nadal a diferentes escenarios da cidade 17 representacións de 13 compañías estatais. Con algo menos dun terzo do seu aforo habitual e apostando por uns espazos culturais seguros, a cita terá lugar o día 22 e do 26 ao 30 de decembro e un ano máis entre as súas entidades promotoras está a Universidade de Vigo.
A edición deste 2020 foi presentada no Liceo de Ourense por Ana Mª Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; Manuel Freire, técnico de Cultura do Concello; José Luis Troitiña, xerente do Liceo, e Fernando Dacosta, director da Moti.
Ana Mª Torrado salientou como esta iniciativa «combina dun xeito excelente» a diversión e o fomento de valores, desde a creatividade á igualdade, que «contribúen á formación integral das persoas». Pola súa banda, Fernando Dacosta destacou o esforzo que supuxo conseguir sacar adiante esta edición debido ás limitacións derivadas da pandemia. Este ano, indicou, a Moti mantén o seu tradicional eslogan «dedicarlles tempo é o mellor agasallo» pero engádelle o de «arte para respirar». «En tempos tan difíciles como os que nos rodean ás veces, o soño, a cultura, é un refuxio», asegurou Dacosta.
As compañías que traerán a Moti os seus espectáculos son as galegas Trécola Teatro, Pedras de Cartón, Viravolta Títeres, Caramuxo Teatro, O Baúl da Tía Tola, Culturactiva, Boabab Teatro e a Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense Geppetto. De Madrid participarán Espiral Mágica e La Gata Japonesa; de Castilla-La Mancha Ultramarinos de Lucas; de Castilla y León Spasmo Teatro e de Aragón D`Click-Voltaire. As obras que representarán, e que abranguen un abano amplo de idades, pertencen a xéneros moi diversos, como teatro de rúa, xestual, de actor ou actriz, de máscaras, comedia, monicreques, clown... tamén haberá espectáculos de danza, contacontos, musical e circo, entre outros. Os espazos que acollerán esta programación son o Teatro Principal, o Auditorio Municipal, a Biblioteca Pública, o Liceo e o Colexio Maristas.
As actuacións arrancarán o martes 22 no patio interior do Colexio Maristas, onde Trécola Teatro desenvolverá a súa peza de teatro de rúa Fíos de Moti.
Tras este anticipo a programación continuará diariamente do 26 ao 30 de decembro. Así, a actividade arrancará o día 26 no Teatro Principal coa obra de teatro xestual e de máscaras Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón, destinada a nenas e nenos a partir de cinco anos, e rematará o día 30 no Auditorio Municipal coa actuación de Boabab Teatro O lobo e a lúa. Paralelamente a esta programación, haberá accións de animación e promoción polas rúas da cidade e do 28 ao 22 en diversos colexios.
O aforo de cada actuación estará limitado segundo as normas sanitarias de loita contra a covid-19 que rexan no momento da celebración, sendo obrigatorio o uso de máscara durante os espectáculos. As tarifas son de catro euros en xeral, coa excepción das actuacións de Geppetto, que será de tres euros, e as de rúa e no Liceo, que serán de balde.