Fai días que relataramos os movementos subterráneos que suceden baixo o asfalto das cidade; poñendo como exemplo a suba dos billetes do carrito en Chile que rematarán nunha nova constitución, nós comezamos a ter accións puntuais que poden cristalizar no futuro próximo, sendo a cidadanía o centro do sistema onde orbiten os mandatarios.
Tratamos as luces de Nadal como efecto, e non como causa. O da luz pasa a ser máis esotérico que nacional-católico, eu prefiro esta maneira de celebrar o solsticio de inverno. Podemos argumentar o desleixo que se fai ao común dende a casa do Concello, pero como nun eterno retorno volvemos a atoparnos con nós mesmos fronte ao espello; hai unha falta de dilixencia para a xestión, pero velocidade de fotón para o flash da instantánea.
Ervedelo, no Couto, non deixa de ser como un andar do Prado: Greco, Dalí, Picasso, toda esa enerxía pictórica non me levou polo camiño das artes plásticas. A rúa Velázquez está preto da casa que habitei na rúa Ervedelo, eu erguíame e tiña a Murillo, pero a duras penas sei colocar a cinta.
A pandemia que leva vidas cobradas, que recordamos todos os días, tivo os seus puntos de inflexión; un deles foi a relación coa veciñanza dende as xanelas e os balcóns, algúns ate se viron as caras por primeira vez. Na rúa Velázquez comezaron unha espiral positiva e agora xa teñen luces de nadal plenamente tintinando. Non precisaron do concello para a instalación, que non se esperaba; a vontade foi suficiente para a auto-organización. Estes son os movementos telúricos, movementos de emancipación, movementos de liberdade, pequenos detalles que recolocan as forzas. Xa que Velázquez comezou a andar, que o sigan os demais, o barrionalismo está no xerme da emancipación.
As veciñas e veciños da Velázquez poden ter un fío na xenialidade de Diego. Propoño xuntar uns cadros que todos temos no imaxinario para facer un relato case coherente. Vella fritindo ovos, este cadro costumista para un centro inter-xeracional, ninguén na rúa queda sen ovos e ninguén na rúa xanta só. A ferrería de Vulcano, pensemos nunha rúa peonil onde o nenos xogan e os coches de ferro ocupen outro espazo. As fiandeiras, o comercio local e os talleres de artesanía deberían ocupar a rúa, sen comercio non hai barrio. O triunfo de Baco, non hai barrio sen festa, eu, de Ervedelo, recordo a Cibrán de A Esmorga, que recorría a rúa para ir picar pedra, por iso fai falla sempre unha foliada, e baile.
Se fixeramos un fío con cada rúa podíamos recuperar o orgullo que día a día perdemos cada vez que confrontamos co goberno municipal, non nos farían falla para nada máis que para tributar. Pintemos un futuro mellor. Como dixo Picasso ao rematar un retrato, «agora a parecerse».