¿Máis plurais?

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

18 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo hai unha manifestación en Ourense para defender a liberdade dos pais para escoller a educación que queren para os seus fillos. Ata aí todo ben, se a convocatoria non viñera de onde vén. Resulta que os que piden liberdade para os pais son os mesmos que impoñen que os rapaces teñen que estudar relixión. E non unha a elixir. A católica. ¿Alternativas á relixión nas escolas dun Estado aconfesional pagadas con fondos públicos? Diso nada. E falan de ser máis plurais nas escolas -e así chaman á súa plataforma de protesta-, os mesmos que nalgúns casos separan aos estudantes por sexo. Si, en pleno século XXI aínda hai colexios nos que os nenos e as nenas non se xuntan. E hai pais que optan por educar aos seus fillos ou ás súas fillas de costas ao outro 50 % da poboación. ¿De verdade esa é a educación máis inclusiva que proclaman? ¿E máis igualitaria? Por non falar da exclusión que fan neses centros ás familias con menos recursos, esas que non poden afrontar o imposto revolucionario disfrazado de cota voluntaria que cobran cada mes. Falan incluso de que se vulneran dereitos recoñecidos na Constitución, máis non citan ningún. De todo o que din desde esa plataforma, o único que recolle a Lomloe é que retirarán os fondos públicos aos centros que segregan por sexo. Non os van pechar, como din desde Más Plurales. Só que os pais que queiran que os seus fillos non compartan aula con nenas; ou que as súas fillas non poidan ter un compañeiro, terano que pagar do seu peto. Por certo, caso no que non está ningún centro da provincia... aínda que haxa colexios concertados que estean chamando aos pais a manifestarse.