Reunión de pastores

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

15 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaban os pastores reunidos preto dun manancial de auga quente á beira do río Miño, que baixa caladiño fronte a uns alpendres queimados. Anos atrás xuntaban á xente de aquí e de acolá que viñan a sanar coas augas quentes, pero levan tempo os tizóns sen uso por parte das veciñas. Nunca houbo vontade de arranxar o que se esmorece, e alí os pastores sentan no prado para falar do grande problema que é o lobo, que papa nos años e papa nas cabuxas.

Un dos pastores, quen tivera trato co lobo, repasa fronte ao río a traxedia de Narciso, co risco de namorarse de si mesmo. Cantor de Séneca, toma a palabra e di: eu e outro que non sexas ti, repartiremos o pelexo. O consello deixa de escoitalo, el é exemplo de nada; cando tivo que quedar co rabaño pediulle ao amo outras terras nas que pastorear, para non ter que mirarse ao espello. Entón, toma a palabra outro pastor, que camiñou un tempo coas churras, pero agora vai coas meiriñas; o que menos lle importa son as ovellas, é a la que rapa á que lle da aprecio. Propón que sexa a sorteo o que vaia fronte o lobo, mentres el carda na la.

O pastor co rabaño maior, lector de Carlos Marx, fala e ofrécese voluntario a vencer ao lobo. Sabe que dorme nunha rúa peonil e non lle teme á manda coa que se xunta, que son tres. Só precisa da vontade do resto. Pasa outro pastor, camiño da Ziralla; non para, pero saúda oufano. Di que conten con el, pero que non malgasten os cartuchos, que hai outro cubil no Progreso, caza maior.

Caen nun profundo sono os pastores despois de xantar, fronte ao lume de Samaín. Ouvea o lobo na longa noite de pedra, volve o medo que deixaron no cabeceiro. Alporízanse, discuten, un promete que se fala co amo veñen os recursos de todo o país para a cidade, outro promete que si fala el co seu amo que veñen os do Estado. Se as promesas foran certas, gloria na Atenas, pero todo é fume. Sen esperanza, nas reunións de pastores, son os fotoperiodistas quen retratan a fame do rabaño.