De «paulas» e «raqueles»

José Luis Guede FIRMA INVITADA

OURENSE

FEB

16 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días son noticia dúas mulleres xogadoras de baloncesto, Paula Ginzo Arantes (1998) e Raquel Carrera Quintana (2001), pola convocatoria coa selección española absoluta de baloncesto. Esta visibilidade que elas nos regalan é unha oportunidade para facer unha breve reflexión sobre o baloncesto feminino en Ourense.

A pioneira do baloncesto feminino local é unha mestra das Josefinas, Rosa Blanca Gómez Llamas, quen desde os anos 50 ata inicios dos 90 impulsou a participación das nenas no deporte da canastra e noutras disciplinas. Tamén o seu irmán, o recentemente falecido pero non esquecido, José Luis Gómez Llamas mestre da Universidade Laboral quen liderou nos 70 o mítico Club Medina. Con ámbolos dous, a cidade ten unha débeda. Nos anos 80 e 90 viviuse unha idade de ouro do baloncesto. Daquela, os clubes dependían case sempre de individualidades, auténticas alma mater, irrepetíbeis. O Deporte Escolar favorecía unha numerosa participación das nenas ata idade infantil por toda a xeografía provincial. Do Barco máis grande do mundo, o de Valdeorras, xorde Conchi Delgado, a primeira xogadora profesional da provincia con destino ao Ensino de Lugo. O baloncesto feminino existía no rural grazas ao compromiso de persoas como José Luis Gómez «Victoria» quen segue no seu Barco de Valdeorras liderando un proxecto deportivo. Nas vilas e na cidade era frecuente que as adestradoras e adestradores tiveran ao seu cargo varios equipos, adestraran en canchas ás veces exteriores e mal iluminadas a expensas da climatoloxía, facendo loxística imposible para cadrar horarios de adestramentos e partidos, con poucos medios, moita gratuidade e escaso recoñecemento.

Actualmente os clubes están mellor estruturados, con mellores medios e instalacións. As adestradoras e adestradores teñen máis e mellor información, mellor formación e cualificación. Existen redes sociais para compartir información que se pode converter en coñecemento e equipos de traballo multidisciplinarios pero rematou a época das vacas gordas, das axudas públicas e o compromiso da empresa privada caeu en picado. O deporte feminino sofre unha sangría en recursos económicos e tamén falta presenza nos medios e sen presenza non hai inversións. Para moitas nenas o baloncesto segue a ser un pasatempo que chegada a idade júnior deben escoller: xogar para divertirse e estudar ou simplemente estudar porque do baloncesto viven unhas cantas privilexiadas, xeralmente no estranxeiro e que debido á crise retornan a casa apertando os cintos, é dicir, baixando salarios.