A Deputación presentou a publicación «Nós arredor de nós», de López-Barxas

La Voz OURENSE

OURENSE

Alberte Paz Garza

«Trátase dunha edición conmemorativa coa que homenaxeamos o espírito daqueles que proxectaron os nosos sinais identitarios», dixo o autor

28 oct 2020 . Actualizado a las 08:11 h.

A Deputación de Ourense presentou o libro Nós arredor de nós, do que é autor Paco López-Barxas, unha publicación vencellada á conmemoración dos cen anos da revista do mesmo nome. O acto contou coa participación, ademais do escritor, do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; do editor José Luis Teófilo; e do autor das ilustracións, o pintor Baldomero Moreiras.

López-Barxas destacou que a edición da obra «é un luxo para o luxo dunha gran xeración, salientando que se trata de homenaxear a unha vangarda cultural». O autor explicou que Nós arredor de nós é un «libro de libros», unha publicación que presenta catro monográficos: Arredor de nós e de Castelao, Eu son Otero Pedrayo, Eu son Risco e Eu son Floro Cuevillas. «Trátase dunha edición conmemorativa coa que homenaxeamos o espírito daqueles que proxectaron os nosos sinais identitarios no plano dunha galeguidade universal, sen a que non se entende a Galicia de hoxe en día», dixo.

Pola súa banda, José Luis Teófilo agradeceu a axuda da Deputación para levar a cabo este proxecto editorial, e comentou que a xeración Nós «traballou a prol dun país avanzado e recoñecido, e os seus integrantes contribuíron a construír a modernidade de Galicia, de que herdamos as súas inquedanzas e o amor pola terra».