Medio Ambiente pon en marcha campañas de divulgación do Invernadeiro e da Serra da Enciña da Lastra

La Voz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

A Xunta contrata un servizo de atención ao público e sensibilización, así como de campañas de promoción turística e educativas

28 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de asinar o contrato do servizo para o deseño e execución das campañas de divulgación, promoción do turismo de natureza sostible e educación ambiental no parque natural Serra da Enciña de Lastra, por un importe de 37.877,74 euros, e outro no Invernadeiro por 34.000 euros. A finalidade principal destas actuacións, cofinanciadas nun 80 % a través do fondo europeo para o desenvolvemento rexional ao abeiro do programa FEDER Galicia 2014-2020, é a contratación dun servizo de atención ao público e sensibilización, así como de campañas de promoción turística e educativas que contribúan á concienciación ambiental da sociedade e a un mellor coñecemento dos espazos incluídos na Rede de Parques Naturais de Galicia. O contrato licitouse o pasado mes de marzo dividido en seis lotes: un por cada un dos seis parques naturais existentes en Galicia. Da prestación do servizo de promoción e divulgación dos valores existentes na Serra da Enciña da Lastra, no Concello de Ourense, encargarase a empresa Puertas Afuera, Comunicación Medioambiental y Cultural SL, que acaba de asinar o contrato por un período de 24 meses. Entre as actividades que terá que desenvolver para acadar este obxectivo figuran campañas, actividades e obradoiros de educación, sensibilización e divulgación ambiental, conservación da natureza e Rede Natura 2000 que se impartirán fundamentalmente no Centro de Visitantes do Concello de Rubiá. En O Invernadeiro encargarase a empresa Oficina Técnica Demontes SLU, que acaba de asinar o contrato por un período de dous anos e as actividades levaranse a cabo, fundamentalmente, no Centro de Visitantes de Ribeira Pequena, no concello ourensán de Vilariño de Conso.