Incapacidade moral transitoria

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

Nos capítulos anteriores, deixáramos a un sector forestal que fora tractor da industrialización de Galicia a comezos do século XX; recordar, que moitas dos encofrados das minas inglesas eran de piñeiros rumorosos das costas verdecentes. Agora que a Xunta esta a renovar os cargos políticos, quen veña a ocupar o cargo, que veña viaxado; polo menos que gardara o billete do museo finés da madeira, sito en Lusto, Punkaharju, xa fai tempo que traballan en nanofibras, en bioenerxía e enxeñaría estrutural. O corpo de enxeñaría forestal da Xunta sabe que cunha estrutura organizativa do século XXI pódense acadar éxitos sen precedentes no sector, só cómpre vontade de diálogo, para un futuro sostible para todas e todos. Estas enxeñeiras e enxeñeiros gardan e custodian unha superficie que supón 2/3 do total de Galicia, e baixo a súa sinatura está un 15 % do territorio (aqueles montes veciñais en man común conveniados ou consorciados). Un 15 % é case coma a provincia de Pontevedra.

A superficie que ocupa o concello de Ourense é un 0.0028 da de Galicia. Co número de adicacións exclusivas e postos de asesores deben ter que ser responsables de 3 km cadrados por barba, e non son quen de manter limpa e ordenada a cidade. Todo o contrario, agora estamos no medio dunha zaragallada. Coa perspectiva que dan os anos podemos dicir que era visto o que está a pasar, pero iso non nos quita das responsabilidades individuais de como chegamos ate aquí. O libro Una teoría de la democracia compleja de Daniel Innerarity, leva como subtitulo Gobernar en el siglo XXI. Aínda vou no prefacio, pero xa podo apuntar que como colectivo debemos de fuxir do simple. A complexidade, aumentada en tempos de interconectividade, de dixitalización e robotización precisa dunha democracia máis complexa. Usamos as ferramentas de Rousseau cando os algoritmos de Jeff Bezos ordenan parte do mundo. Cando Innerarity confronta os binomios esquerda-dereita, élite-pobo, pola infinidade de matices que se poden sumar ás definicións, recordo o slogan de DO: «ni de derechas ni de izquierdas, de Ourense»; se xa descartamos a dualidade para chegar ao absurdo barrionalismo simplón, estamos aviados. Son os sete do PP máis responsables se cabe, porque coñecían a incapacidade moral permanente dos seus compañeiros de goberno. Sen ética, estética.