Hai un mes desde a Xunta contáronnos que a volta ao cole estaba máis que lista. Cun protocolo que aprobaron sen debate ante o plante dos sindicatos, levamos semanas oíndo que está todo máis que listo. Que esteamos todos tranquilos que aquí está todo controlado. Ou estaba... Porque hai uns días xa o conselleiro de Sanidade pediu un protocolo a nivel estatal, e onte Feijoo acabou dicindo que non podía haber 17 protocolos distintos e case esixiu que o faga o Goberno de Sánchez. E que foi? Porque hai un mes tiñamos un que non precisaba debate e agora necesitan «criterios claros e homoxéneos» desde Madrid? Non querían as transferencias para poder xestionar a pandemia? Paréceme lícito pedir toda a axuda do mundo, e escoitar a todos os expertos posibles. Porque a situación é complicada e o tema é vital. Paréceme ben que haxa un protocolo o máis perfilado posible. Pero non pode ser que vendamos a moto e despois no último momento metamos iso de «bueno, creo» que tanto usan os tertulianos de medio pelo cando sentenzan algo con todo o ímpeto e despois rematan coa cantinela porque igual que din unha cousa, ao día seguinte din outra. ¡Non, home, non! A tres semanas de que os patios sexan un fervedoiro de cativos, aínda hai moitas dúbidas. Porque ao final van seguir igual de pegados que antes, pero tal vez con máscara. Ou non. Feijoo di que estaría ben a medida, pero que tampouco a impón. Que mande Madrid. Pero non querían mandar desde Santiago? Semella que a cousa se complica e ninguén quere asumir a responsabilidade. Que non esquezan que son os nosos fillos. Queremos xogar con eles, non que xoguen coa súa saúde.