As fonduras infinitas

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

14 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sei que non é necesario falar dun mesmo, nin para contar experiencias propias. A proximidade está segada pola imaxinación e polo parecer, trato entón de ser obxectivo e aséptico no relato. Nesta pandemia que supuxo un paro na formación educativa e deportiva precisa sinalar un dos fitos que pasa pola punta do pé; era norma que as nenas e os nenos aprenderan a nadar entre os meses de marzo e xuño para poder desfrutar das praias e das piscinas cunha relativa seguridade nos meses de verán. Será un dos anos nos que ese bautismo non se chega a sacralizar.

Cabe recordar que cos datos do 2019 en Galiza morreron 54 persoas afogadas, e nos últimos 5 anos en España 2146 persoas. Fun dos que nadei antes dun verán para poder ir á praia, e acabei federado uns trinta anos. Tiven a sorte de formar parte da Federación Galega de Natación uns anos, xusto aqueles nos que gurgullaban piscinas municipais aquí e acolá. Dende a Federación sempre se quixo que aumentara a base de deportistas e animábase ás empresas que compatibilizaran os usos lúdicos cos de clubs deportivos. Seguindo a frase mil Vietnams, se tiñamos instalacións a barrer, persoal adestrador formado en INEF (Coruña), pronto estaríamos a piques de ser récord nacional. Aquelo rematou con éxitos sobresaíntes de deportistas individuais en vilas, pero co tempo, os clubs que persisten son aqueles que estaban cando eu nadaba, fai a mitra.

Cando na cidade se fala das nosas mil piscinas, algunhas infinitas, penso no que fun aprendendo, e vexo unha falta de planificación e de ¿para que? Unha piscina recreativa coas novas medidas hixiénicas vai ser difícil de xestionar; mil, imposible, entre mantemento e persoal. ¿Cales son os obxectivos? ¿Mellorar a saúde da poboación facendo unha actividade física moderada? ¿Xerar espazos de socialización? ¿Aumentar o prezo catastral dos inmobles? Coido que fai tempo tivemos que planificar como provincia o noso futuro deportivo. Tiñamos un fío que podía atar as disciplinas acuáticas baixo a marca “Ourense Manancial”: piragüismo no Barco, vela en Castrelo, natación, sincronizada, wáter-polo, tríatlon levando a nosa auga no noso suor. Os balnearios para os deportistas de elite, unha flor de primavera.

Pero como me pregunta D. Patricio Sánchez, quen me arbitrou nadando: ¿está planificado o deporte nesta provincia? El, que dirixe o mestrado Xestión empresarial do deporte mergúllame na fondura infinita.