Estamos a vivir unha situación nova, na que non queremos deixar de apoiar a nenos e nenas, adolescentes e mocidade nesta crise. Despois de meses de encerro nos que faltaron estímulos, relacións, estrutura... crémonos na obriga de, neste verán máis ca nunca, ofertar actividades de tempo libre educativo por moitos motivos. Para retomar as relacións e os procesos persoais e colectivos da infancia e da xuventude; para non estigmatizar a poboación máis vulnerable; para avaliar os impactos desta crise na infancia e tentar paliar os danos sufridos, de calquera tipo; para educar cara a saúde a través do xogo, formándonos na adquisición de hábitos de hixiene; para cumprir co dereito fundamental ao lecer contemplado na Convención dos Dereitos do neno e da nena.
Por todo isto, imos acentuar as medidas de protección da saúde e hixiene dos participantes nas actividades de verán, respectando e cumprindo, no día a día, as condicións e obrigacións hixiénico-sanitarias vixentes. De esta forma, primaremos a asunción de novas rutinas de seguridade (suficientes, realistas, axustadas) e crearemos protocolos axeitados ás circunstancias, con pautas claras e sinxelas para todos e todas.
Somos un grande equipo de profesionais e voluntariado que opta polo tempo libre educativo. Coma sempre e neste verán máis ca nunca, ímonos reinventar, como vimos facendo desde hai décadas, con fórmulas creativas, adaptadas, pragmáticas, con sentidiño común e sanitario. Será unha planificación estruturada, realizable, con actividades e procedementos que contemplen diversos escenarios; unha planificación que tentará compensar os efectos do confinamento coa presenza das persoas adultas de referencia, ao aire libre, promocionando a responsabilidade persoal, a intelixencia emocional, a relación entre iguais en pequenos grupos, a actividade física e a educación na saúde.
Seguimos defendendo, como todos os anos e neste verán máis ca nunca, as actividades de tempo libre educativas, por seren experiencias inesquecibles, porque con elas os participantes o pasan en grande, fan novas amizades, divírtense, melloran as súas habilidades sociais na relación cos outros, medrando no respecto, na tolerancia e na liberdade. Ao mesmo tempo que aumentan a autoestima e a confianza propias, desenvolven a súa independencia e autonomía, aprenden e practican valores, asumen un estilo de vida saudable a través das rutinas diarias e danlle valor á familia e ao seu fogar.
Tamén pretendemos axudar, neste verán máis ca nunca, a moitísimas familias na conciliación da vida persoal, familiar e laboral, proporcionándolles a tranquilidade de saber que os seus fillos e fillas se encontran en boas mans, participando nos proxectos de tempo libre educativo de verán ao carón dos animadores e animadoras da Federación de Centros Xuvenís don Bosco de Galicia.
Vémonos nas rúas e parques da túa cidade, neste verán máis ca nunca!
Xulio C. Iglesias Blanco é xerente da Asociación Xuvenil Amencer