Sarabela volve ao encontro dos textos de Manuel Rivas

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Sarabela

O grupo de teatro comezou a traballar na montaxe teatral de «A lingua das bolboretas»

07 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Malos tempos para a cultura. As medidas de loita contra a pandemia do coronavirus canalizaron todas as enerxías e recursos, deixando aos axentes culturais, empresas, compañías e traballadores do sector en xeral no máis orfo dos abandonos. As reivindicacións tardaron en ser escoitadas e as axudas e apoios non rematan de concretarse, ou non son quen de dar resposta ás demandas do sector. No caso do Goberno aínda se agarda que se concreten varias iniciativas e moitos dos sectores culturais galegos teñen criticado, por escaso, o plan de apoio e reactivación anunciado pola Xunta.

E mentres se agarda por unha normalidade que non dá chegado, novos proxectos e iniciativas botan a andar. É o caso do grupo Sarabela Teatro, que nesta mesma semana volvía ao traballo para comezar co seu novo proxecto. A compañía vai ao reencontro cun dos seus autores de cabeceira e a súa proposta escénica chegará da man dun dos textos de Manuel Rivas: A lingua das bolboretas. Aínda que para ser exactos cumpre dicir que en realidade serán dous os orixinais do escritor coruñés que formarán parte da futura montaxe de Sarabela, xa que tamén se empregará para a obra A traxectoria do balón.

Celebración dos 40 anos

Para o proxecto de

A lingua das bolboretas

contarase coa dramaturxia e a dirección de Gonçalo Guerreiro e a montaxe estará protagonizada por Elena Seijo, Fina Calleja, Sabela Gago, Fran Lareu, Josito Porto e Fernando Dacosta. Este último lembra que a relación da compañía ourensá con Manuel Rivas é unha complicidade que se mantén no tempo: «É a cuarta vez que nos atopamos no camiño. No seu día Sarabela levou aos escenarios

O lapis do carpinteiro

e logo fíxose o mesmo con

O heroe

. E no seu día con textos de

Os libros arden mal

estivemos cunha lectura dramatizada na SGAE de Madrid. Compre sinalar e deixar patente a nosa inmensa gratitude porque de todas as veces que escollemos obras del Manolo Rivas sempre nos deu todo tipo de facilidades e nos apoiou», lembra o actor e director. A opción de sumar ao texto que dá título á montaxe o relato

A traxectoria do balón

servirá, segundo apunta Dacosta, «para abrir este novo proxecto cara ao universo feminino». A

lingua das bolboretas

marcará a celebración dos 40 anos de actividade do grupo.

Os actores comezaron a traballar nestes días e a previsión pasa por ensaiar ata mediados de xullo de forma continuada. Técnicos, responsables de vestiario e demais equipo iranse sumando pouco a pouco.

Estrea en setembro

As previsións coas que traballa neste momento a compañía Sarabela Teatro pasan por estrear a súa nova montaxe a mediados do mes de setembro: «En principio, agás que pase algo, nós estamos a traballar para que a estrea sexa os vindeiros días 17 e 18 de setembro».