Sumando premios

LA VOZ OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

Carlos da Aira gaña o certame aRi[t]mar Galiza e Portugal, no apartado de galego, con «Nas noites de luar»

28 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O poeta Carlos da Aira engadiu un novo recoñecemento aos recibidos nestes últimos anos polos seus proxectos literarios. E neste caso de xeito reincidente, xa que o poema galardoado forma parte do libro Prender os fachos, compoñer os ósos, traballo co que gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense e que foi editado por Espiral Maior no 2019. Desta volta o premio foi á mellor poesía galega no certame aRi[t]mar Galiza e Portugal, que promove a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. O premio de Portugal foi para Raquel Lima, por Liberdade mais cruel (Ingenuidade Inocência Ignorância, Animal Sentimental e BOCA - palavras que alimentam, Lda, 2019). Dende Allariz, Carlos da Aira recoñece o valor engadido do galardón: «É un certame ao que non te presentas. Un xurado escolle poemas de obras editadas o ano anterior, neste caso Nas noites de luar, que pecha o libro premiado co Cidade de Ourense, e logo hai unha votación e a xente escolle os tres mellores poemas dos dez seleccionados. Que formes parte desa escolla de só dez poemas xa é un premio. E que sexas gañador xa non che conto». Coincide o novo recoñecemento a Carlos da Aira coa chegada ás librarías do seu poemario A guerra era contra nós, obra coa que gañou o Premio Manuel Lueiro Rey de poesía. O certame aRi[t]mar Galiza e Portugal entregará os galardóns nun acto que se celebrará en outubro en Compostela.