«A fatiga para respirar é a principal queixa dos pacientes post-covid»

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Abal é o xefe do servizo de Pneumoloxía do CHUO
Abal é o xefe do servizo de Pneumoloxía do CHUO MIGUEL VILLAR

O servizo acaba de abrir unha consulta para atender aos contaxiados que unha vez curados aínda teñen secuelas

29 may 2020 . Actualizado a las 18:00 h.

Dous meses intensos é o resumo que fai José Abal Arca (Meis, 1956) do traballo ao fronte do servizo de Pneumoloxía do CHUO, que dirixe desde o ano 2015 e que integran 12 médicos especialistas.

-¿Cal foi o seu papel na atención aos pacientes?

-Neste tempo nós dedicámonos fundamentalmente ao traballo de planta hospitalaria, man a man co persoal de Medicina Interna. Agora hai menos pacientes ingresados e estamos máis liberados. Tratábamos aos pacientes que precisaban unha proba diagnóstica como unha broncoscopia ou ventilación mecánica non invasiva. Coa inauguración da Unidad de Monitorización Intermedia Respiratoria (UMIR) axudamos a liberar a uci. Cando os pacientes melloraban pero non podían ir para a casa, viñan para a UMIR e así tiñan máis espazo na uci. Ademais encargámonos dos pacientes traqueotomizados. E agora abrimos unha consulta de pneumoloxía post-covid.

-Porque despois da alta, tocan revisións. ¿Van todos os pacientes a ela?

-Medicina Interna ten outra consulta post-covid e alí van primeiro. Fan un cribado dos pacientes, e mándannos aos que teñen disnea ou infiltrados pulmonares persistentes. Nós facémoslle as probas para ver se teñen alteracións pulmonares.

-¿Moitos teñen secuelas?

-É unha consulta que aínda abrimos esta semana. Hai que tratalos e seguilos para ver a súa evolución. Hai xente con infiltrados pulmonares que poden desenrolar pneumonía intersticial aguda ou fibrose pulmonar idiopática. Necesitan un diagnóstico e un seguimento.

-¿Que é o que máis acusan os pacientes? ¿Que lle din que senten?

-Sobre todo disnea; a fatiga para respirar é a queixa principal. Cunha radiografía vense infiltrados pulmonares que xa tiñan e que persisten. A diagnose de pneumonía faise en base á clínica e cunha radiografía que mostra infiltrados pulmonares, que normalmente en 4 ou 6 semanas debería desaparecer. Aquí persisten e veñen coa fatiga, así que facemos máis probas e diagnosticamos se é o caso a intersticial aguda ou a organizada.

-¿Son enfermidades crónicas ou teñen curación?

-Todo depende de como evolucione isto. Coñecemos o que sucedeu en China ou en Italia, pero aquí estamos aínda no proceso de ver como é a evolución. Por outros lugares vemos que nuns casos poden acabar en algo máis crónico como fibrose pulmonar idiopática e noutros casos con corticoides pódese solucionar o problema. Pero aínda hai pouca experiencia.

-¿Desanímanse ao ver que despois de superar o coronavirus aínda seguen enfermos?

-Ven que non acaban de estar ben, porque se teñen que subir unha costa ou unhas escaleiras notan fatiga. Están preocupados pero tratamos de animalos e facerlles ver que haberá un seguimento. Algúns poden non evolucionar tan ben porque teñen unha enfermidade crónica.

-¿Cando é esa primeira consulta?

-Poden ser entre 3 e 5 semanas despois de que lles dean a alta no hospital. A veces van para casa con PCR positiva pero xa pasaron a fase aguda e teñen que estar illados dúas ou tres semanas na casa. Primeiro van á consulta de Medicina Interna e se vén algo máis, veñen a nós. Temos que comprobar coa PCR que son negativos, porque se seguen infectados inhabilitarían os aparatos cos que lle facemos as probas para poder usalos con máis pacientes.

-Entra entón o servizo nunha segunda fase de intenso traballo coa consulta dos curados.

-Si, agora coas secuelas. E tamén nos toca facer a desescalada para atender aos pacientes non covid, que non estivemos vendo por dous motivos: estabamos moi ocupados cos pacientes positivos e tamén para que os non covid non se expuxeran ao contaxio. As consultas sufriron unha demora, e agora toca facer a desescalada cos pacientes que non atendemos, porque hai máis vida que os covid. Xa son poucos os pacientes covid e agora repuntan os que non o tiveron e que non se atenderon.

«Os fumadores teñen máis risco de infectarse e teñen síntomas máis severos»

Abal recoñece que estes días ten baixado a carga asistencial no CHUO debido a que cada vez son menos os ingresados con coronavirus. Pero non baixan a garda.

-Acabamos de pasar a fase dura, agora en compás de espera e oxalá que non se cumpra... Pero a maioría de expertos din que teremos unha segunda oleada. O que si, cremos que nos collerá mellor preparados.

-¿É máis duro o virus nos pacientes con silicose? ¿Hai algún estudo feito neste sentido?

-De silicose non coñezo ningún estudo. Eu podo falar do asma, do po ou o papel do tabaco. Os estudos varían un pouco desde China a Occidente. En China eran sobre todo pacientes novos os que se contaxiaron de covid, e non teñen tanta patoloxía clínica como estamos acostumados a ver aquí. En China o 2,4 % dos pacientes que ingresaron tiñan patoloxía crónica. A porcentaxe sube ata o 8 % en Estados Unidos e España. En Reino Unido ata un 11 % dos ingresados eran asmáticos. E hai outros estudos que din que ata o 29 % dos diagnósticos covid que se fan son de pacientes EPOC. E despois está o tabaco.

-Fumar é malo para todo, entendo que me vai dicir.

-O tabaco é malo. Causa 60.000 mortes en España ao ano, por cancro de pulmón, de vexiga, de gorxa, EPOC. O 12 % da poboación de España ten EPOC. O tabalo é malo, e para isto tamén. Os fumadores teñen máis risco de infectarse polo virus, e tamén teñen síntomas máis severos e tamén de ingreso, de estar máis na uci e precisar ventilación mecánica. Está claro que os casos de fumadores e exfumadores son máis severos. Ingresan máis na uci, e son máis os que precisan ventilación. Fumar fai que teñas máis risco e tamén máis risco de desenrolar a enfermidade máis grave.