Pasa pa'casa

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Non creo que haxa moita xente que na adolescencia, esa etapa na que ti te ves supermaior pero os teus pais aínda queren verte en cueiros (e nin uns nin outros gañan, pero os maiores as máis das veces andan máis atinados), non recibira como resposta o de «pasa pa’casa» á petición de quedar máis na rúa, na verbena, na disco... onde fora pero fóra da casa e lonxe dos pais. Pois agora estamos así en Ourense e en todos lados. Non todos claro, pero hai moitos que si. En Ourense escandalizados polo desbarre das terrazas, no Barco de Valdeorras cun ambientazo no Malecón que nin nos mellores tempos... e así en todos os sitios, ou case. Porque somos así, como adolescentes dominados polas hormonas que nunca pensamos en que nada malo pode pasar. Pero somos adultos. Dino claramente todas as estatísticas de poboación (aínda que non hai que ir tan lonxe, abonda con abrir os ollos ao saír á rúa): de adolescentes nesta provincia non imos sobrados. Pero comportámonos como tal. Porque hai hostaleiros que deixaron de saber contar para poñer máis mesas e moito máis xuntiñas que o que manda a normativa para evitar contaxios; e porque os clientes tampouco vían con malos ollos o de volver cheirar o fume do cigarro do da mesa do lado. Todos botamos de menos saír, ir de bares, vivir a nosa vida. Pero esta merda de «nova normalidade» será aínda peor se recuamos. Porque eu quero que miña nai me diga «pasa pa’casa» e poder ir vela. A día de hoxe, oxalá puidese dicirma e eu ir. Pero non toca. Toca coidarnos e ser precavidos. Para que non sexa de novo o Goberno o que nos diga «pasa pa’casa» que a enleaches parda.