Carvalho deberá agardar

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

12 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Viviu malos tempos Ricardo Carvalho Calero. Non estaba a cousa de ser cando o profesor defendía as súas teses e a oficialidade da cultura galega o foi marxinando sistematicamente. Estaba aí, era unha persoa respectada polo seu coñecemento e maxisterio e tamén cuestionado por algúns que consideraban que as obras de referencia que marcaban o camiño na literatura galega daquel tempo non lle dedicaban o espazo que merecían -é dicir, que Carvalho Calero lle furtara a categoría e as liñas que o aflixido consideraba merecer nos seus volumes-.

Nun escenario pouco favorábel para o idioma, a bandeira do lusismo era pecado mortal nuns anos onde os de sempre non querían que a cousa mudara. Ou como moito canear un pouco para volver ao mesmo lugar.

Marxinación que se foi sustanciando en episodios como cando lle riparon o premio Losada Diéguez de creación literaria. A súa obra era a mellor considerada polo xurado, mais un dos membros apelou ao anatema do lusismo para esixir unha decisión acorde coa realidade institucional. Houbo varias votacións e Carvalho Calero pasou ao esquecemento, aínda que o censor tivo que ver como se premiaba a un autor que non era da súa corda.

Agora que a RAG escoitou a quen levaban pedindo durante anos un 17 de Maio para el, o coronavirus foi o encargado de darlle continuidade aos censores e os actos das Letras Galegas serán no próximo outono. Carvalho Calero deberá agardar para que lle dean a consideración que non tivo no século XX.