Pedro, di que si

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

07 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos nunha incógnita constante. Entendo que ten que ser así. Estamos nunha pandemia para a que non estabamos preparados, nin concienciados, e imos saíndo como se pode. Non son epidemióloga (aínda que estes días pareza que dan o título coas tapas do iogur, como en tempo pasaba cos pratos), así que non sei se se podería ter feito mellor ou non. Pero sei que como cidadá me poden as preguntas. E como xornalistas deberiamos poder contestar moitas, non porque o saibamos, senón porque temos a posibilidade de preguntar a quen o sabe para despois contarllo aos lectores. Pero desta volta a resposta moitas veces é a mesma: «Pensar niso aínda non toca, hai que ir vendo como vai a cousa». E iso é desesperante. Porque como xornalista gústanos contar as cousas ben, máis pechadas e non ter que usar tanto os condicionais, e como cidadá porque estou farta. Empezo a desesperar. O horizonte de que ata San Xoán non poderemos movernos por Galicia foi un mazazo. Porque, descartada esa gran viaxe que estaba deseñando na miña mente para celebrar os 40, agora só quero poder ir á casa. Cada día que pasa é un día menos, pero, á fin, onde está? Pois depende de como vaia a cousa. Sempre a mesma resposta, a mesma resposta aberta a modo de serie que avanza nova temporada. E agora teño os dedos (e as dedas) cruzados á espera de que o Goberno conteste á petición da Xunta de que poidamos movernos libremente por Galicia xa. Quero pensar que é unha petición argumentada e con datos. Aquí parece que a pandemia está nunha liña similar, e que non hai grandes diferenzas entre provincias. Ai, si. Veña, Pedro, di que si!