Consecuentes

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

13 mar 2020 . Actualizado a las 20:04 h.

A situación está complicada. Non se sabe moi ben o que vai pasar co coronavirus (ata a coroa pode ser que teña o virus, así que imaxina), pero pinta feo. E pinta feo sobre todo en Galicia por varias cuestións. Sobre todo porque somos maiores, e en Ourense moito máis. Non falo por min concretamente neste caso, falo en xeral. Ourense é unha provincia coa poboación envellecida e iso acostuma ir acompañado de enfermidades crónicas. Por iso se fai a campaña tan intensa de vacinación contra a gripe, porque onde máis vellos hai, máis pode incidir. E funciona. O malo é que desta volta non hai vacina (aínda), pero seguimos sendo unha provincia de vellos. Unha provincia de vellos que estes días (e máis se espera a partir da fin de semana) estase enchendo de xente nova. Volven os universitarios porque non hai clase, e moitos dos que emigraron buscando traballo regresan uns días para traer aos cativos. Van estar 15 días sen cole, e hai que buscarlles acubillo (que iso de teletraballar non está na man de todos). Os avós son un bo recurso, pero os avós son maiores. Por iso é importante a responsabilidade. Porque moitos deses nenos veñen de Madrid, que non deixa de ser un dos principais focos da xa chamada pandemia. Así que hai que tomar precaucións. Hai que estar en casa e non facer quedadas de nenos na aldea para xogar. Hai que saír airearnos, pero mellor se imos aos poucos e coidamos de non abrazarnos, bicarnos, tocarnos. Toca ser consecuentes e tomar precaucións. Pero claro... toca ser consecuentes e entón o alcalde de Ourense marcha a Madrid porque de seguro que tiña algo importantísimo (non di o que) que facer. Consecuente.