Olga Mojón: «Nunca houbo problema de contraprogramación co Auditorio»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

A directora do Principal lembra que existe comunicación constante co personal do Concello de Ourense

06 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai, nen houbo, problemas de contraprogramación entre o Teatro Principal e o Auditorio de Ourense. Máis aínda, existe unha comunicación constante con Manuel Freire, responsable da institución municipal, e mesmo se teñen acordado cambios na programación para encaixar actividades entre os dous espazos culturais. Así o manifestou a directora do Principal, Olga Mojón, para rexeitar o argumento que se está a empregar para xustificar a cesión da xestión por parte da Deputación ao Concello. «Os políticos ignoran o nivel cultural dos ourensáns, que é moito maior do que eles pensan, e deciden ao que queren ir en función dos seus gustos. E o público da danza non é o mesmo co do teatro clásico, por exemplo. O problema e dos políticos, aos que por certo nunca vin por aquí, e algúns tentan trasladar a esta situación a súas carencias ou cuestións persoais con argumentos que non son certos. Nunca houbo problemas de contraprogramación co Auditorio», sinalou logo de coñecer o anuncio do Concello de Ourense non que se informaba da cesión da xestión e o persoal do teatro á administración local.

Incidiu Olga Mojón en que o persoal do Principal descoñece a existencia dun acordo nese senso «só temos noticia do que se di nos medios de comunicación, a nós ninguén se dirixiu, e por iso o colectivo de funcionarios e traballadores está expectante». Directora do espazo cultural dende 1996, incide no feito de que sempre houbo colaboración e entendemento para consolidar o teatro e a súa programación: primeiro con Caixa Ourense e logo con todos os alcaldes e concelleiros de Cultura da cidade. «Aquí sempre houbo cordialidade, entendemento e colaboración, e con todos os alcaldes houbo un trato excelente e cos respectivos responsables de Cultura fomos desenvolvendo proxectos conxuntos. O Principal sempre foi un espazo querido para os ourensáns, e así se demostrou cando se botaron á rúa para reclamar a súa recuperación, e ao longo deste tempo logramos convertelo nun centro de referencia estatal e internacional». Precisou que ese mesmo talante se está a dar co actual goberno municipal: con Mario González no seu papel de concelleiro de Cultura e con Armando Ojea -ambos de DO- como responsable do teatro na súa condición de vicepresidente segundo da Deputación.

Negociar en los bares

Non dubida que Auditorio e Principal sairán reforzados co acordo, aínda que semella estar molesta coa maneira de xestionalo. En Radio Voz fixo referencia a que este tipo de negociacións fanse nun despacho institucional e non nun bar. Preguntada por este posicionamento incide no mesmo: «Non se pode negociar este tipo de asuntos nos bares, porque ao final ata os que están escoitando se escandalizan. Aínda que para facer determinadas actuacións hai que saber estar e ter algo de categoría, son cousas que se maman e se non as tes pasa isto», sinala a directora do teatro ourensán.

Miguel Caride sinala que é un paso lóxico e xa reclamado

O portavoz do Concello de Ourense lembrou, ao ser preguntado por este asunto, que todos os partidos políticos -mesmo Democracia Ourensana- viñan reclamando dende hai anos que a xestión do Principal fose asumida pola administración local ao ser un espazo cultural situado no centro da cidade. Sinalou Miguel Caride que a programación vaise ver reforzada e mellorada, ao contar con dous espazos con características diferentes, por situación e capacidade, que se complementarán. Rexeitou prantexamentos alarmistas -«din que non facemos nada en Cultura e agora tamén están en contra, non se entende»- e amosouse convencido de que non haberá problemas de xestión ou funcionamento.

«Non podo dicir agora que vai pasar, porque haberá que pechar o acordo e ver como quedan as cousas, pero é moi acertado que se xestione o Principal dende o Concello e non haberá problema co persoal. Como é lóxico respectaranse todos os dereitos e condicións existente», sinalou Caride.