Cinco

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco. Estamos a 23 de xaneiro (isto escribino onte, e desexo que non teña mudado) e xa son cinco as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas. Cinco. No 2020, cando xa case se esperaba que tivéramos coches voadores, resulta que hai quen aínda vive no peor da Idade Media e pensa que as mulleres son unha pertenza, que poden facer con elas o que lle peta e, ademais, petarlles. E matalas. E matarnos. E diante dos fillos... Non nego que haxa emerxencia climática (que a hai), pero penso que aínda é máis importante a emerxencia feminista. Si, negacionistas, o feminismo é preciso porque o machismo existe, parece que está máis vivo ca nunca e sigue matando. Acotío. Cinco no que vai de ano, o que vén sendo que cada cinco días matan a unha. Cada cinco días! E para os que aínda non o teñan entendido (que a min paréceme fácilmente asimilable e iso que non son a máis lista do grupo, pero vese que hai a quen non lle entra nos miolos), ser feminista non é defender que os homes son inferiores. É defender que temos os mesmos dereitos, homes e mulleres, con independencia do noso sexo. E da nosa sexualidade, esa que os negacionistas tampouco queren ver, e que só cren no de mulleres parindo todos os fillos que mande deus (si, porque din que os manda deus, coma se fora o de Correos). Igual a idea do pin parental non está mal, pero para poder aplicarlla aos pais que seguen educando aos fillos con mentalidade machista; porque acabar con esta lacra comeza desde o berce, comeza por dicirlle a unha nena que claro que pode xogar ao fútbol, ou mercándolle ao rapaz a cociña de xoguete que pide para Reis. Chorradas dirán algúns. Cinco. Van cinco. E a xaneiro aínda lle queda máis dunha semana. Para tremer.