Os avós

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

17 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non podo remedialo, cando vexo un avó noto que se me pon un sorriso de envexa. Sorriso porque para min foron puntuais fundamentais da miña vida, e envexa porque eu xa non os teño para gozar deles. Boto de menos os cariños, os coliños que me daban incluso cando xa era unha adolescente, ou os que eu lle daba á miña avoa cando os anos a foron minguando e eu seguía medrando. Boto de menos as viaxes co avó no coche para ir comprar o pan de ovo a cinco quilómetros da casa, máis tamén boto de menos cando con máis de 90 anos (el, que a min aínda me faltan algúns para chegar... e espero chegar igual de ben que el) cruzamos Portugal para ir ata Sevilla ver ao seu primeiro bisneto. Boto de menos moitos momentos, momentos que gocei daquelas, pero que me gustaría seguir gozando aínda agora. Sorrío cando penso naquel día que miña nai me dixo que crían que o avó perdera a cabeza, porque dicía que acabara os cartos, e non saíra da casa... e eu entre risas confesei que os cartos os puxera nos petos dos netos, que de perder a cabeza nada, ¡o que pasaba é que nos encantaba o estraperlo, a el e aos netos! Boto de menos as confesións, os paseos pola leira, os bicos... Por iso me encanta cando vexo á miña pequecha gozar dos seus, cando sorrí con eles, cando a bican, cando lle dan un coliño. Aínda é moi pequena e estes non os recordará de maior, lémbraos aos agora, e demóstrao con cada sorriso que pon cando os ve. Por iso todo non entendo aos que desprezan aos avós, e pónseme unha tristura infinita cando vexo a unha persoa maior (e hai moitas) que non teñen quen mire por eles. Mal imos se non sabemos mirar por quen tanto mirou por nós.