O galego como trazo diferencial

Valentín García FIRMA INVITADA

OURENSE

Santi M. Amil

13 ene 2020 . Actualizado a las 13:41 h.

Todas as iniciativas que favorecen o uso do idioma galego reforzan os alicerces da nosa memoria.

A presenza do galego no sector empresarial consolídase. Co paso do tempo vanse incrementando as marcas que optan pola nosa lingua nas súas actividades cotiás, ben sexan de tipo comercial, técnico ou na relación coa súa clientela. Ademais, o galego representa cada vez máis un valor positivo no mercado, xa que se afianza a identificación do produto galego coa calidade. O produto procedente da nosa terra vese así moito máis valorado e considérase máis auténtico.

Estas e outras cuestións aparecen descritas no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 (PDLE) e que xorde no marco do desenvolvemento do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG). O PDLE divide o sector da economía en cinco áreas (industria, comercio, cooperativismo, banca e traballo) e establece pautas que procuran a implantación do galego como lingua apta para desenvolverse no devandito sector. Ademais, tamén se indica que é unha necesidade priorizar aquelas empresas que teñan unha relación directa coa clientela en galego ou cunha importante presenza publicitaria na nosa lingua. Debemos crear conciencia de que o uso do galego nas empresas ten máis vantaxes que desvantaxes xa que constitúe un forte factor de identificación. Pouco a pouco, afiánzase tamén a preferencia das persoas consumidoras por produtos servidos e ofertados en galego e, ao mesmo tempo que medra a demanda, medra a confianza.

Por outra banda, ábrense as portas á lusofonía e aumentan as potencialidades do galego como lingua internacional de negocios e, paralelamente, estimúlanse as estratexias que fomentan e protexen as identidades culturais.

Se conseguimos que nun sector estratéxico, como é o empresarial, o galego estea cada vez máis presente, conseguiremos un efecto multiplicador no resto da poboación. Así, o incremento do uso da nosa lingua neste ámbito vai impulsar o uso no resto de sectores cos que se relaciona e farase visible en todos eles. Parece que, por este camiño, chegaremos a impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia, e os seus produtos van estar vencellados á calidade e á innovación. Ao mesmo tempo, conseguiremos transmitirlles confianza tanto ás persoas consumidoras como ao empresariado.

O galego segue a ser unha marca de calidade, tanto para a empresa individual como para todo o tecido socioeconómico. Falamos de proximidade, de diferenciación, de confianza.

Neste senso, é digno e de xustiza destacar o labor que desenvolve a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros cando, na súa fundación aló polo 2012, afirmaban que facer irmandade era algo necesario para non perder toda a súa historia, a súa sabedoría herdada. No momento en que deron ese importante paso adquiriron o compromiso de garantir a pervivencia dese patrimonio inmaterial da man da lingua galega e seguen fieis ás súas orixes que no día de onte reafirmaron nun acto en Ribadavia. Cómpre agradecer tamén todo o traballo realizado por esta irmandade que medra, tece e impulsa novas estratexias que mesmo estimulan a presenza da nosa lingua noutros sectores. Neste insigne labor debemos participar todas e todos e apoiar as iniciativas da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros para contribuírmos á galeguización dos hábitos do consumo e asegurarmos un futuro para todo o noso.

Valentín García é o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta