«Os rapaces terminan de pé, cos cornos en alto e berrando»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Paula Romero é a voz do grupo A Gramola Gominola que actúa esta tarde no Principal con «Bravas. O rexurdir da luz»

27 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra de Teatro Infantil de Ourense trae a Paco Cerdeira, Anxelo de Xermar, Paula Romero e Rodrigo Muñoz. Eles son A Gramola Gominola, un grupo de rock infantil que este venres estará actuando no Teatro Principal, ás cinco da tarde, co seu espectáculo: «Bravas. O rexurdir da luz». Di Paula que este é o traballo do que se senten máis orgullosas.

-É o noso terceiro traballo e estamos moi satisfeitos co resultado. Segue na nosa línea, a de facer rock and roll para nenos. Queremos facilitar que os rapaces máis pequenos poidan acercarse a este tipo de música desde máis cativos. Nesta ocasión creamos un imaxinario de heroínas, no que cada unha delas ten a súa propia canción cunha temática social distinta. Son personaxes femininas que intentan construír un mundo mellor.

-Ousexa que será un concerto para tódolos públicos.

-Sen dúbida. Sempre dicimos que A Gramola Gominola facemos rock de 0 a 99 anos. A música conecta con todo o mundo e o noso espectáculo vai dirixido tanto aos máis cativos da casa como aos seus propios pais. Atopámonos nos concertos cunha estampa na que os rapaces terminan de pé, cos cornos en alto e berrando todo o que poden. Invitamos en cada concerto a facer unha festa.

-Un dos obxectivos da Gramola Gominola é espertar esa ledicia...

-Si. Xa levamos catro anos transmitindo a alegría que xera o rock and roll en quen o escoita. Somos un grupo inspirado no Xabarín Clube e o noso obxectivo foi sempre facer chegar este tipo de música máis movida aos nenos para que a desfrutasen.