Última hora
El Tribunal Supremo anula el nombramiento de Dolores Delgado como fiscal de Memoria Democrática

A Xunta investirá máis de 34 millóns en reforzar a candidatura da Ribeira

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

xmr

O obxectivo do Goberno galego é potenciar a proposta para ser patrimonio da humanidade

11 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A candidatura da Ribeira Sacra para aspirar a se converter en patrimonio da humanidade da Unesco vai por bo camiño. Cando menos así o considera o presidente da Xunta, que lembrou onte na súa vila que «xa se declarou a Ribeira Sacra ben de interese cultural na categoría de paisaxe cultural e xa se conseguiu que a candidatura sexa a única que presentará España no ano 2021», e agora, segundo Alberto Núñez Feijoo, fai falta un paso máis. E nesa liña enmárcase a iniciativa presentada onte no edificio do Consorcio Local dos Peares.

O Plan Ribeira Sacra. Plan da paisaxe cultural 2020-2023 é un proxecto integral que abrangue a cinco consellerías do Goberno galego e que destinará más de 34 millóns de euros a proxectos e actuacións que incidirán en tres grandes eixes -protección, planificación e coordinación- para mellorar o contorno, o patrimonio histórico e natural e as infraestruturas para que a Ribeira Sacra chegue á declaración da Unesco nas mellores condicións posibles.

Segundo os datos avanzados onte polo presidente galego, o plan é un instrumento de planificación que se articulará en base a sete programas e que «contén 35 accións que se desenvolverán nunha área duns 3.000 quilómetros cadrados, na que viven máis de 60.000 habitantes».

En conxunto son 25 municipios das provincias de Ourense e Lugo os que se beneficiarán das actuacións, e as melloras acometeranse «en eidos como o patrimonio e paisaxe cultural, a ordenación do territorio, a conservación dos valores naturais e medio ambiente, o desenvolvemento económico sostible, a xestión do turismo, a educación, formación e investigación ou a comunicación e participación».

Feijoo lembrou que a Ribeira Sacra ten nos últimos quince séculos de historia e no traballo dos seus habitantes, que foron quen de domear a paisaxe e encher de mosteiros e vides a zona, o seu mellor argumento.

Reivindicación ourensá, proposta para reserva da biosfera e himno de María do Ceo

A presentación do Plan Especial da Ribeira Sacra fixo que se deran cita nos Peares as principais autoridades de Galicia -os presidentes da Xunta e do Parlamento de Galicia-, os conselleiros de Cultura e Turismo e Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, representantes das deputacións de Ourense e Lugo e tamén dos 25 concellos da zona.

Na súa intervención, o vicepresidente da Deputación de Ourense felicitouse polo camiño percorrido e pola creación dun plan especial, e reivindicou o traballo desenvolvido dende a institución. Rosendo Luis Fernández lembrou que «hai agora seis anos, o 15 de novembro do 2013, foi Baltar quen propuxo reactivar a candidatura da Ribeira Sacra. E tivo unha boa acollida por parte dos concellos, e, todo hai que dicilo, de Gómez Besteiro -o socialista era daquela presidente da Deputación de Lugo-, e tamén do que daquela era Valedor do Pobo».

Dous recoñecementos Unesco

Ao longo da súa intervención o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, salientou o feito de que a Ribeira Sacra podería ser un caso único en Galicia e dunha singularidade excepcional, «xa que tamén figura na candidatura galega a ser reserva da biosfera, xunto ao Courel e O Iribio. Daquela podería darse o caso de que tivera dos recoñecementos da Unesco».

O acto dos Peares rematouse coa estrea do Himno á Ribeira Sacra, que foi interpretado por María do Ceo. A letra é de Armando González.

Inversións para mellorar un contorno, o dos Peares, que non foi ben tratado e «boa falta lle fai»

No acto desenvolvido nos Peares tamén se procedeu á sinatura da orde de aprobación do Plan especial de Infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares, dotado con preto de 15 millóns de euros. Alcaldes e representantes dos catro municipios entre os que está dividida a vila -A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Pantón e Carballedo- asinaron o documento no que se contemplan as accións a executar. Entre outras figuran no plan intervencións como a urbanización do bordo fluvial do río Búbal, a pavimentación de accesos á estación ferroviaria ou a ampliación do paseo do río Miño -que xa está en marcha-. Tamén actuará como guía para a mellora das condicións estéticas. O presidente da Xunta, que naceu na zona de Nogueira de Ramuín, recoñeceu no acto que as cousas non se fixeron todo o ben que se poderían ter feito e que hai casas «ás que boa falta lle fai» ser obxecto de mellora. Feijoo tamén sinalou que os veciños tiveron que saír adiante nunhas condicións que non eran as mellores para os investimentos nos bens patrimoniais.