Os cabobercianos

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

17 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sirva a palabra para contar o que pode chegar a pasar no remate do 2020. Coma calquera, nos temos o noso Debate do Estado. Un estado que vai minguando a cada día que pasa, directo cara o baleiro pero no que permanecen unhas brasas esperando a que veña outro aire. O debate este ano, coa ausencia do grupo da oposición mais numeroso, é un escaparate de Baltar, que o aproveita para presentar unhas directrices. Desta vez, foron dez raias. Deixar o paro na provincia nun nivel do 12 % é unha obriga. Espero que si temos uns números mellores non sexa capaz de despedir algún dos porteiros da Deputación por cadrar os números. Aló onde pode, mete un sete, ¿por que non deixar o paro no 7, por exemplo? Supoño que o observatorio económico ourensán lle fai pensar que é posible, ademais ca dinámica da poboación de xente moza e formada que emigra da provincia, o baixar a cantidade de demandantes de emprego os números casan e non tanto porque se xeren novos sectores económicos nin que se revitalice o comercio minorista. Fiar todo, outra vez, ao turismo, ao termalismo, a acadar o titulo de Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra, é moito fiar con pouca madeixa. Xa o pai, polo menos nos tratara de vendernos unha fábrica de baterías. Aquelo quedara no baleiro, como van quedando moitas das propostas que saen do debate. Podemos retomar a proposta que fixera no mes de abril a Deputación para que Naturgy non prescindira dos servicios de Unitono; Baltar escribiu unha carta os directivos das empresas, e a resposta foi o traslado de parte da carteira de clientes a Colombia. Na última sesión de investidura, Pablo Iglesias renunciaba ao Ministerio do Traballo a cambio de políticas de emprego; daquela fora nones. Hoxe Baltar propón levar o paro ao 12%, sen Ministerio e sen xestión de políticas de emprego. Chegado o momento pode que suba en autobuses aos nosos veciños e os leve a unha sega a Castela, e sexan uns cabobercianos, mais aló do Bierzo.