Conta atrás para o centenario Nós

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

01 nov 2019 . Actualizado a las 17:09 h.

Aínda que as xestións para celebrar o centenario da revista Nós, e lembrar aos persoeiros vencellados á xeración do mesmo nome, hai tempo que están en marcha a data simbólica xa encetou a conta atrás. O 30 de outubro de 1920 chegaba aos lectores a primeira entrega da revista, proxecto ideado por Antón Losada Diéguez e dirixido por Vicente Risco, que ía camiño de se converter na canle de expresión máis senlleira do seu tempo e, co paso dos anos e o devalar da historia, na revista que marcou unha etapa de recoñecido prestixio na historia e a cultura galega.

As iniciativas que se tentaron promover dende Ourense non foron quen de canalizar os apoios e compromisos necesarios e hai xa uns anos que a Consellería de Cultura asumiu unha responsabilidade que non se quixo coller dende o Concello da cidade. A paisaxe era boa e a proposta acaída: Otero, Castelao, Losada, Risco, Noguerol... e todos os que logo colaboraron e participaron do proxecto da revista Nós marcaron unha etapa histórica e a súa relevancia ten carácter nacional, non só ourensán.

Con todo, a cidade tería que reivindicar o seu protagonismo nun programa de celebracións que marcará a actividade cultural e social do 2020. Semella que tampouco este goberno ten intención de facelo, como deixou claro o titular do departamento no Consello Municipal de Cultura de Ourense. Unha mágoa.

Encetará nunhas semanas o 2020 e con el virán as actividades do centenario de Nós, que arrancarán daquela para ter no vindeiro 30 de outubro a data central. Será un ano para reivindicar un protagonismo co que xa non contamos, mais temos.