Opino

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

04 oct 2019 . Actualizado a las 13:12 h.

Ola! Volvín. Despois de varios meses lonxe das maquetas, os horarios de peche, as roldas de prensa e as campañas electorais, volvo opinar. En realidade de opinar non deixei nunca, pero ultimamente non se publicaba. Opino que a sanidade pública é xenial, e que no Hospital Comarcal de Valdeorras eu só atopei profesionais que ademais mostraron a súa cara máis amable cando unha primeiriza moi nerviosa entraba pola porta. Opino que temos que defendela como se nos fora a vida nela, porque se nos vai. Se poucos nenos nacen, mellor nin pensar nos que nacerían se houbera que pagar por cada consulta, cada proba, cada parto, cada cesárea... Opino que hai que pedir máis, que 16 semanas de baixa por maternidade non son nada, porque por moito que sumes vacacións e lactación, o bebé ao máximo que chega nese tempo é a botarche un sorriso (que te derrete, pero esa é case toda a autonomía que ten, elixir cando ri). Opino que precisamos máis garderías. Moi ben que anuncien desde a Xunta agora que serán de balde desde o segundo neno, pero esquecen que non hai prazas para todos (e iso que en Ourense non hai tantas persoíñas menores de 3 anos). Opino que é un insulto que o primeiro criterio de admisión para entrar na gardería pública sexa que un dos proxenitores traballe alí. Opino que un servizo de conciliación non pode pechar ás catro ou as cinco da tarde, porque así pouco axuda a conciliar (que non todos somos funcionarios con horarios de mañá). Opino que ser nai é marabilloso, pero opino tamén que dous pais que traballan sen rede familiar... Iso non é conciliar, iso é facer un Tetris.