«A miña escrita baseábase nas historias que contaba a miña avoa»

Lara deprada / R. N. OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Alba Guzmán conseguiu gañar sete premios literarios de microrrelato en dous meses

05 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alba Guzmán Falcón é una alumna de cuarto da ESO do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. Con só 16 anos, en dous meses logrou gañar sete premios literarios de microrrelato, entre os que se inclúen os Feiraco ou os Minerva.

-En apenas dous meses lograches gañar sete premios de microrrelato. Como se dixire iso?

-É unha pasada, porque en ningún momento o ves vir. Eu voume presentando porque me gusta escribir, sen ningunha intención de gañar, soamente porque me gusta, e así da nada en cuestión dun mes chámante tódalas semanas para dicirche que gañaches este premio e aquel. É unha pasada.

-Para obter tantos galardóns tes que ter moitos relatos escritos, canto tempo adoitas dedicarlle á escrita?

-Depende da inspiración e da idea. Se xa estou inspirada a estrutura non é o que máis tempo me leva, pero logo a corrección e a adecuación si que leva moito tempo.

-Cal dirías que é a túa principal inspiración para escribir?

-Inicialmente, a miña escrita tiña un carácter narrativo, e baseábase nas historias que me contaba a miña avoa ou incluso meu pai, de cousas que pasaban nas aldeas durante a época da Guerra Civil. Espertábame moito interese e impactábame moito. Resultábame moi interesante poder transmitilo, e incluso chegar a facelo meu. Agora empezo a ter ideas de ciencia ficción, distopías...

-Á parte da escrita, tes outras grandes paixóns como o teatro ou tocar o acordeón. Todo isto está relacionado coa rama de artes. De onde cres que provén esta paixón túa?

-Non sei, a verdade. Co acordeón empecei en 1.º da ESO, ofreceume meu pai a idea de probar un instrumento, e encantoume. Respecto ao teatro, comecei cando tiña seis anos. Temos un grupo moi bo e chegamos a gañar algún premio Buero Vallejo de Galicia, así que non sei de onde me provén esta paixón, pero aí está.

-Que lle achegan á túa vida o teatro, a música e a escrita?

-O teatro fíxome ser como son hoxe. Eu era súper tímida, e agora sempre son a primeira en romper o xeo. E a literatura o mesmo, achega cultura e coñecemento. Á parte de traballo cando escribes, de correccións etc., proporcióname moitísimo á hora de non cometer erros. E a música é a interrelación de ambas. Considero que non podería vivir sen ningunha das tres.

-E se só puideses quedar con unha?

-Co teatro, polo seu dinamismo, xa que, neste caso, permite mesturar todo o que me gusta: tanto a música como a escrita. É moi sinxelo xuntar estas artes nun mesmo ámbito, que considero suficientemente amplo como para poder abarcar a ambas.

-Pensas en dedicarte no futuro de xeito profesional a algunha destas tres actividades?

-Sería incrible, pero creo que é imposible. Eu sempre quixen estudar Medicina, e polo momento teño notas e media suficiente e intentarei tirar por aí. Pero non descarto nada.

-De tódolos xéneros da escrita cal é o que máis che gusta?

-A narrativa é onde me sinto máis cómoda. Quizais porque outros xéneros como a poesía implican ser máis persoal e máis sentimento. A narrativa, porén, dáme a posibilidade de crear eu as miñas personaxes e darlle os sentimentos que eu queira.

-Á parte de tódolos premios que xa obtiveches, hai algún que na actualidade che faga especial ilusión gañar?

-Hai un concurso ao que me presentei, o Nortearte, no que participan candidatos procedentes de Galicia e do norte de Portugal. É un premio que inclúe a publicación dun libro e para o que mandei un relato bastante longo, que me deu moito traballo e me levou moito tempo.