Fátima Delgado presenta en O Barco unha nova proposta que mestura música, teatro e poesía
04 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O SilFest comeza hoxe cunha programación de balde coa que animar a todo o mundo a participar da música, poesía e viticultura que presenta o festival valdeorrés. As 20.30 horas arranca cunha proposta que conxuga viño e sexoloxía, «La erótica del vino». Ás 00.45 horas se estrea a parte musical cun concerto de Andhrea & The Black Cats na Praza Maior, pero antes, ás 21.30 horas no paseo do Malecón terá lugar o espectáculo «Ninfopoética» da man da barquense Fátima Delgado. Poeta e actriz, Delgado viviu en distintos puntos de Europa que a levaron a escribir.
-En que consiste o seu recital de esta tarde?
-É un monólogo poético post-adolescente. O que vai ver a xente é poesía escénica, representada por min que son poeta e actriz, e sempre baseándome nos poemas que recolle o meu libro «Ninfopoética», que publiquei o ano pasado. Vai ser unha viaxe iniciática mesturada con música electrónica, con cine, máis coas vivencias sentimentais dunha «lolita» galega. Ese é o sentido que teñen os poemas do meu libro, escribino entre o 2002 e o 2003, cando tiña 21 anos, entre O Barco, Santiago e Manchester. Ese percorrido é o que se van a encontrar os espectadores, en forma de poesía e de teatro.
-Cal é a reivindicación que fai «Ninfopoética»?
-Ten unha especie de reclamo da mocidade, é unha oda á xuventude. Resalta que as mulleres mozas teñen dereito a ser libres e poden experimentar co seu corpo e coa súa mente. É un carpe diem extremo pero escrito con un toque naíf.
-E presenta o monólogo na súa terra natal...
-Eu presentei o libro en decembro e foi precioso. Agora ao pórlle música e levalo á escena é coma revivir os meus vinte anos no Barco, entón faime moitísima ilusión e non hai mellor sitio onde estrear esta proposta.
-Que opina das iniciativas coma o SilFest?
-Eu apoio totalmente calquera proposta cultural en Valdeorras. O SilFest é un festival tan completo, que mestura música, poesía, cine e viño, que non hai outro igual en ningún lugar. Ademais, como nai, encántame a idea do Mini-SilFest no que poder acudir á proposta á vez que os cativos tamén se entreteñen e gozan. É un luxo.