Antonio  Fernández Losada: «Aquilo foi un acontecemento e unha riqueza para os veciños do pobo»

A rodaxe de «El bosque del lobo», de Pedro Olea, revolucionou A Bola


ourense / la voz

«Case todos os veciños dos pobos da parroquia participaron na película de Olea»

«Cando se estreou, nun cine de Celanova, fomos todos e ata levaron á xente en autocar»

A provincia de Ourense acolle neste ano catro rodaxes cinematográficas. Estes días estase a gravar Eles transportan a morte en Bande, Entrimo e Avión e xa se estrearon ou van camiño diso Elisa e Marcela (Isabel Coixet) e O que arde (a cinta de Oliver Laxe estrearase o día 21 en Cannes). No outono será Xavier Bermúdez o que volva ao seu Ourense natal para darlle continuidade a León e Olvido, nesta ocasión a película será Olvido e León e recuperará, anos despois, aos mesmos protagonistas. Mais non sempre foron así as cousas no sector audiovisual, mesmo pasaba bastante tempo entre a rodaxe e a estrea da película.

A finais de abril de 1971, o día 24, La Voz de Galicia publicaba unha información titulada «La élite del cine español en Nápoles», recollendo no subtítulo que «El bosque del lobo», de Pedro Olea, e «Del amor y otras soledades», de Patino, lograban o éxito de crítica e público no certame italiano.

A rodaxe da película de Pedro Olea, en pleno franquismo, volvía sobre un dos episodios da lenda negra da provincia de Ourense: a figura de Manuel Blanco Romasanta. Daquela aínda vencellado ao mito do lobishome e na actualidade recoñecido como un asasino en serie logo de moitos estudos e traballos de investigación. A Bola e Celanova foron os escenarios principais da rodaxe, que se completaron con outras localizacións en Galicia, e Antonio Fernández Losada era un dos tres nenos de Casal do Río (A Bola) que aparecía na cinta protagonizada por José Luis López Vázquez -que daba vida a Benito Freire, transunto de Romasanta, o lobishome de Outeiro (Esgos)-. Medio século despois, as imaxes rodáronse entre a primavera e setembro de 1969 aínda que a cinta non se estreou ata 1971, lembra como se fora agora aquela aventura.

«Foi algo nunca visto. Toda aquela xente, os equipos e maquinaria que se movían e a cantidade de persoas que participaban na rodaxe. Era algo descoñecido para nós. No meu pobo, Casal do Río, non había televisión e para chegar só existía un camiño de terra. E a luz non che conto. Houbo escenas que se rodaron en sitios onde non chegara a luz aínda, menos mal que eles traían uns grupos eléctricos enormes, que senón aquilo era imposible». Pedro Olea era daquela un novo realizador cunha imaxe que pouco tiña que ver coa paisaxe das aldeas da zona -«tiña un pelo largo e unha longa barba que lle daban un aspecto que impoñía un pouco de respecto, pero logo era unha persoa encantadora que trataba a todo o mundo por igual e co que se podía falar e que gostaba de conversar coa xente do pobo».

Participación masiva

Antonio Fernández Losada recorda que traballou xente de todos os pobos da contorna «de toda a parroquia de Santabaia: de Casal do Río, Outeiro, Anxá e A Eirexa. Aquilo foi un acontecemento e unha riqueza para os veciños do pobo. Eu tiña 14 anos e daquela pagábanche cen pesetas ao día. Imaxínate! Cobrabas á semana e era para todo o mundo o mesmo, foras neno ou dos maiores. E deulle vida a todo; no caso da tenda a cantidade de bocadillos que alí venderon -como a rodaxe era todo o día xa non ían xantar á casa-, e o panadeiro... era todo en xeral». Foi rara a casa na que non participou alguén na gravación de

El bosque del lobo

: «Era o crego que estaba alí daquela o que se encargaba diso. E foron moitos maiores os que estiveron na rodaxe; na escena que se ve aos veciños que saen en batida para buscar ao home lobo eran todos xente de alí. E levaban os cabalos, as mulas... cando se ve como traen a José Luis López Vázquez na gaiola, o carro e a xugada de vacas era dun veciño de alí de Outeiro. Era rara a casa na que non houbera unha ou dúas persoas participando no proxecto, e había labazadas por ir polo ben que pagaban».

O pobo xa non se parece en nada ao de hai medio século. Hai accesos asfaltados e servizos, mais xa non queda xente. Un veciño ou dous, como moito, e algunha persoa que se achega algún día ou na fin de semana «e máis nada». Cousas da vida, a rodaxe que finalizou a comezos de setembro de 1969 tivo que adiantar o traballo para deixar libre a igrexa para que se celebrase unha voda.

O que tamén lembra como un acontecemento Antonio Fernández Losada, que no 2013 se reencontrou con Pedro Olea na homenaxe que se lle fixo no OUFF, foi a estrea da película: «Foi tempo despois, no Cine Principal de Celanova, e foi moi bonito e unha diversión: a xente recoñecíase e só se oía ‘Mira fulanito!’, ‘Aí vai menganito!’ e ata levaron aos veciños nun autocar para que puideran asistir á proxección».

A rodaxe de El bosque del lobo deixou unha fonda pegada nos protagonistas. Segundo lle recoñeceu o director a Losada na homenaxe do 2013 «os dous, Pedro Olea e José Luis López Vázquez, gardaron sempre un recordo especial da experiencia e sempre tiveron en mente volver a visitar o pobo. Mais ao final nunca chegaron a facelo». O director si que estivo nos mesmos escenarios hai uns anos.

Terra de rodaxes

Entre a gravación de títulos como

Cotolay

(1966) ou

El bosque del lobo

, a provincia de Ourense ten acollido varios proxectos vencellados ao sector audiovisual. Películas como

A lingua das bolboretas

e

Girasoles ciegos

, de José Luis Cuerda;

La ley de la frontera

, Adolfo Aristarain;

La leyenda de la doncella

, de Juan Pinzás,

Sempre Xonxa

, de Chano Piñeiro, ou

A Esmorga

, de Ignacio Vilar, tiveron escenarios da cidade ou da provincia de Ourense como espazos de rodaxe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Antonio  Fernández Losada: «Aquilo foi un acontecemento e unha riqueza para os veciños do pobo»