«O que me dá pena é que o rural quedará esquecido 4 anos»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

Ana Belén Vázquez, número 1 do PP por Ourense, defende que o partido aquí é de centro e galeguista

30 abr 2019 . Actualizado a las 08:12 h.

Ana Belén Vázquez, que ía como cabeza de lista do PP por Ourense, será unha das dúas deputadas nesta lexislatura, a sexta na que formará parte do Congreso.

-O batacazo do PP nacional ten algún paliativo na provincia?

-A nivel España o resultado foi bastante malo. En Ourense repetimos o do 2015: dous deputados e tres senadores. O terceiro estivo bailando. Estivemos loitando ata o final polo terceiro; sabiamos que non ía ser fácil ao ir o centro dereita tan dividido. Cs e Vox fixeron perder ese deputado ao PP. Estou contenta a nivel provincial, traballouse moito.

-Equivocáronse ao ofrecerlle a Vox entrar no goberno e coller posicións deles na campaña?

-Eu sempre fun de centro. Puidemos fallar ao non conectar coa cidadanía e non dar as mensaxes de centro. Eu dixen que me daba medo o que escoitaba de Vox. Eu nunca me saín da liña de partido de centro e galeguista e non me vou mover desa ideoloxía pola que me afiliei ao PP. A campaña foi moi agresiva cara o PP.

-Debería dimitir Casado por virar tanto a dereita?

-Non. Rajoy non gañou ata a terceira, Sánchez tampouco. Non demos conectado e teremos que pedir perdón no que nos equivocamos, pero é incuestionable que a Casado se se lle debe dar outra oportunidade. Non foi tanta a dereitización, nós defendemos en Galicia o centro dereita. Eu fixen campaña por ourense e en defensa do rural. Levábamos unha proposta no programa, pola que eu loitei con 50 medidas para o rural que se ía a presentar no Consello de Ministros. O que me dá pena e me doe como cidadá é que o rural quedará esquecido catro anos.

-Como afectará esta baixada ao grupo parlamentario?

-É unha situación extraordinaria. Pero o que teño claro e que seguirei falando do rural e dan caña pola miña terra.