Rue do PSdeG-PSOE, 13

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

21 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Semellaba ser a solución a todos os males que estaban ancorados nos partidos políticos, a medicina definitiva contra todos os cancros e zonas necrosadas. Mais resultou ser que as primarias e os movementos chamados a dar toda a transparencia e voz á militancia conseguiron todo o contrario do que buscaban e remataron por facer máis evidentes as liortas e as batallas internas dos partidos. Como tamén evidenciaron que as maquinarias dos partidos estatais seguen a rirse a cachón do que pensan e deciden os militantes «de provincias».

Rematan as primarias e a mensaxe é sempre a mesma, clara e concisa: o partido demostra que hai democracia interna e aposta polo debate e intercambio de opinións; para saír fortalecido. Acto seguido empezan a decotar e ao rematar a poda non queda onde enxertar un crítico. E no PSOE teñen marcado no código xenético o mecanismo de tal xeito que xa é toda unha arte. E a cada episodio que pasa van sumando viñetas á súa particular Rue do Percebe 13. Como se fosen os inspiradores da obra de Francisco Ibáñez.

Que os militantes elixen ás persoas que encabezarán as listas para o Congreso e o Senado? Pois van os que mandan e poñen a quen lle peta, que polo xeral non ten máis argumentos a favor que ser da corda dos que ostentan os cargos -sexan estes galegos ou estatais-. Que os que poñen a cara e traballan polo partido escollen aos compañeiros que queren que vaian na lista? Pois xa os ordenarei como me veña mellor, e de paso meto e saco aos que conveña. O PSOE demostra ser un gran partido, xa que con iso e todo sigue vivo.