Liberté, égalité, Beyoncé

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

17 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unhas relacións asimétricas de poder, unhas persoas teñen e outras non. As que non teñen están oprimidas por quen si ten, e así, levamos milenios. É unha realidade multifactorial: a clase, o xénero, a bioloxía e o modelado cultural rematan sempre na mesma ecuación; uns oprimen aos outros. O 8M converteuse na data de visibilizar a opresión á que se somete a muller, dende o micro ao macro.

Para mostrar as diferenzas asimétricas de poder, certas actividades ordenadas e programadas poden ser boicoteadas, como exercicio de san contrapoder. A situación dos servizos á muller no Concello de Ourense é calamitosa, visibilizar toda a desfeita non debe ser flor dun día e debe continuar.

Agora no ano II da nova era, sigo a facer a mesma pregunta, que fitos se acadaron dende 2018? Coido que os éxitos non foron medidos nin supuxeron o avance esperado. Un exemplo, nomear un consello de ministras leva a preguntarse se as vitorias son ocupar cadeiras nas mesas do IBEX, ou ocupar altísimos postos na gobernanza do estado. Neste e noutros casos, o factor determinante é a clase social; o famoso colexio El Pilar xa é mixto dende mediados dos anos 80, logo xa ten vía libre para perpetuar elites sen cuestión de xénero.

O feminismo ten identidade propia, basea nos principios de liberdade, igualdade e fraternidade o seu cerne. Fraternidade, fratello, lévanos a unha palabra de xénero feminino pero con connotacións masculinas; adoptamos a verba sororidade -sor a min sempre me levou a monxa (irmá)-.

Son consciente do peso das palabras e dos marcos conceptuais. A Lakoff e o seu elefante xa o vimos na habitación, pero é importante combater os machismos da fala, os micromachismos que se anclan no maxín nese modelado cultural que impón o capitalismo neoliberal que todo monetariza, maternidade inclusive.

Beyoncé cun chío, o teclear #WomensMarch, amadriñou un feminismo de consumo rápido, low sost como di Tita Barahona, si, pero feminismo tamén.

Coido que a igualdade chegará coas mulleres anónimas que loitan decotío pola súa vida, coas que boicotean, coas que visibilizan a diario a asimetría das relacións, con todas.